Skip to main content
Deportes LUGOXADeportes TERRACHÁXAFriolFriol TERRACHÁXA

“Friol é un pobo magnífico para desenvolver calquera proxecto educativo e deportivo”

Por 27 Marzo, 2022Marzo 28th, 2022Sin comentarios

O club atletismo Friol ten unha historia relativamente curta para un colectivo con tanta pegada social e deportiva neste concello rural. Nos seus dez anos de historia saíu do ámbito educativo para chegar ás probas do máis alto nivel involucrando nas súas fazañas a toda a veciñanza. Ao fronte do mesmo, como creador, impulsor e adestrador está Felipe Barata.

Cando naceu o club e que percorrido tivo nestes anos? 

O club naceu no 2012, cando cheguei ao colexio de Friol. Eu son profesor de educación física e unha parte do meu traballo está ligado á promoción e difusión do deporte reglado, neste caso do atletismo, que é o deporte ao que levo ligado dende que era neno. Polo tanto, levamos dez anos construíndo unha fermosa historia de paixón por un deporte que lle está abrindo moitas portas e dando oportunidades aos nenos e nenas do rural para poder competir nos mellores eventos que se disputan en territorio autonómico e nacional.

De que logros se sinten máis orgullosos?

Pode parecer que é unha frase feita ou unha forma de quedar ben, pero do que máis orgulloso estou é das estupendas persoas nas que se están a converter os mozos e mozas que se achegan o atletismo e que se adhieren con entusiasmo os valores deste deporte. Eso vale máis que calquera resultado, e mira cos temos tido moi bos. Este ano entramos entre os 20 primeiros no Campionato de España de cross de clubs a nivel absoluto. Deses 20 a cidade que menos tiña non baixaba dos 100.000 habitantes. Pois catro chavales que saíron do colexio dun pobo de 3.000 persoas lograron chegar á elite nacional nese evento. E eses catro son un exemplo para a ciudadanía do seu pobo polo compromiso e actitude a nivel atlético e humano. É o reflexo para as novas xeneracións, que beben da súa forma de afrontar os adestramentos e actitude deportiva. Esa comunión interxeneracional é o auténtico éxito.

Cantos atletas teñen actualmente?

Temos máis de cincuenta atletas de menores e seis atletas que compiten a nivel absoluto. Tamén temos un máster, Nemesio Gutierrez, que compite a nivel nacional e internacional e a un moi bo nivel. Tamén queremos recuperar coa forza que tiñan antes da pandemia os atletas populares do pobo, dos cales moitos son pais e nais dos nenos, que dan un punto de exemplaridade os seus fillos.

Como se presenta a tempada? Que obxectivos hai?

Como todas, coa ilusión de ser disciplinado, constante e adecuando os obxectivos de cada atleta ao seu nivel competitivo. María Carballido xa logrou estar no Campionato de España absoluto de pista cuberta. Oxalá poida estar no de aire libre. Cristian Montecelo, Alejandro Fernández, Nerea Lage e Adrián Lage esperemos poidan ser competitivos para afrontar o autonómico absoluto e os cadetes e infantís, pois seguir formándose tanto tecnicamente (o atletismo é un deporte moi técnico) como fisicamente.

"Do que máis orgulloso estou é das estupendas persoas nas que se están a converter os mozos e mozas que se achegan o atletismo e que se adhieren con entusiasmo os valores deste deporte"

Que iniciativas teñen en marcha?

Recuperar a dinámica previa á pandemia. Afianzar de novo a carreira popular do pobo, tal como se fixo este ano coa andaina, poder volver ofertar o campamento atlético de verán ao igual co ano pasado e crear algún evento máis coa axuda do Concello de Friol, co cal temos unha gran comunión para realizar estos eventos.

O club ten un gran calado social. Como se consegue iso?

Pois ni idea. Eu sempre lles digo aos chavales que teñen que estar moi orgullosos do que son e de onde son. Friol é un pobo magnífico para desenvolver calquer proxecto educativo e deportivo. E que son un orgullo do pobo por todo o que representan. Non se pode obviar o deporte do lugar onde estás e o que representas.

Cales son os proxectos máis inmediatos de futuro?

Tal como está o mundo, disfrutar do que se fai día a día. A vida e o atletismo son maravillosos e hai que desfrutar de cada adestramento e competición con gran intensidade.

E necesidades?

Buah, sería fantástico ter unha pista, aínda que fose pequena, para poder adestrar cos elementos básicos do atletismo. Os chavales só meten os clavos ou saltan en foso ou colchoneta de altura cando compiten ou nos desplazamos a Lugo a adestrar. Eso é un hándicap moi importante, pero, o éxito está en adaptarse a todas as situacións e superar esos atrancos.

Contan con axuda para manter o club activo?

Si claro. O Concello fináncianos practicamente de forma íntegra a nosa actividade deportiva e eso é vital para nós. O club paga as fichas, a equipación, os adestramentos, todo, absolutamente todo no referido aos nosos nenos e nenas. Nunca cobrei un euro a ningúen en máis de 25 anos que levo no deporte base por practicar deporte e así me vou xubilar. Se non fose pola axuda do Concello de Friol nin existiríamos. Tamén nos axuda a empresa Semillas Sidipal, que leva varios anos proporcionándonos roupa deportiva. Por suposto, agradecemento infinito a todos os que nos axudan a levar a cabo este proxecto formativo.

Que nos pode dicir da afección?

Pois mira, no Campionato de España Absoluto, os bares do pobo todos puxeron Teledeporte ás 8 da tarde para ver correr a María Carballido na súa proba dos 800 metros lisos e os veciños estaban todos ilusionados e pendentes de ver á súa nena tomar no máximo evento nacional. Esas cousas non hai diñeiro que o pague.

Ademais da competición programan outra serie de actividades. De cales se trata?

Ahora temos en mente, conxuntamente co Concello, facer algunha actividade física e deportiva relacionada coa igualdade de xénero. O máis seguro é que este ano xa concretemos algo.

Que tipo de seguemento teñen?

O mellor seguemento é o traballo diario e animar ás novas xeracións que veñen e ás que están por vir a que se adhiran a este deporte, que se che engancha, cámbiache a vida para sempre. O ambiente do atletismo é moi educativo. Aquí se felicita sempre ao compañeiro, gañes ou perdas, o pique sano finaliza no momento que se pasa a liña de meta. No atletismo apláudese o salto do rival e non está permitido nin o mínimo xesto de menosprezo, nin por suposto, a mínima trampa para mellorar o rendemento deportivo. Aquí impera a disciplina e o traballo intenso, non hai medias tintas, ou te achegas a el coa máxima intensidade e paixón ou mellor o deixas. A este deporte, que é o máis importante do panorama olímpico, hai que achegarse co respeto que merece.