Skip to main content
Deportes TERRACHÁXAGuitiriz

O campionato de Galicia arrinca co III Slalom Concello de Guitiriz

Por 25 Marzo, 2022Sin comentarios

A competición iniciarase o sábado ás 15:45 horas e os adestramentos serán pola mañá, a partir das 11 horas.

O circuíto do Campo da Feira xa está preparado para acoller este sábado, 26 de marzo, o III Slalom Concello de Guitiriz Gran Premio Roteiro da Auga, organizado conxuntamente coa Escudería Scratch Fene.

A proba automobilística, de carácter nacional e que da comezo ao Campionato de Galicia de Slalom, foi presentada onte na Casa Habanera pola alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, e Édgar Vigo, do comité organizador, que, como nas anteriores presentacións, entregoulle á rexedora o cartel enmarcado desta edición.

A competición iniciarase o sábado ás 15:45 horas pero o comezo da proba está previsto para as 8:30 horas, momento no que terán lugar as verificacións técnicas. Posteriormente, terá lugar o tradicional briefing cos pilotos e publicarase a listaxe de admitidos para comezar as dúas mangas de adestramentos a partir das 11 horas.  O remate da carreira está previsto para as 20:30 horas e a entrega de premios ás 21:15 horas.

Nesta terceira edición do Slalom segue afianzándose o trofeo feminino Wash-Up Guitiriz, dotado con 300 euros de premio e no que participarán 5 pilotas. Ademais, estréanse novas modalidades: o I Trofeo de Iniciación con coches de calle e competición ata 1.200cc no que participarán 16 equipos, o trofeo para o mellor debutante e o trofeo para o mellor coche 100% eléctrico clasificado. No slalom repartiranse 2.000 euros en premios en total, dos que 1.500 euros serán para o gañador e 500 euros para o subcampión. Ademais, a organización obsequiará aos gañadores de todas as categorías con tortas de millo.

Coas inscricións xa pechadas, hai 37 persoas inscritas. Cabe destacar que participarán pilotos da talla de Manuel Trevín, campión do I Slalom Concello de Guitiriz e campión galego 2020; Fran Pico, Manuel José Souto, David Santos e Víctor Méndez.

Marisol Morandeira agradeceu o traballo da escudería e cualificou a proba como “unha cita xa consolidada no calendario automobilístico galego, que está a ser moi ben recibida polos veciños e veciñas de Guitiriz” e explicou que “a partir do próximo ano, vamos a intentar que se leve a cabo a finais do mes de abril e que esta data quede xa definitiva para todas as edicións”.

Pola súa banda, Édgar Vigo animou a quen nunca asistise a unha competición de slalom a que “se achegue ao Campo da Feira para coñecer esta modalidade automobilística tan vistosa” e anunciou que “ao mesmo tempo que a proba tamén haberá unha quedada de vehículos de alta gama”.

CORTE DE TRÁFICO

A competición iniciarase dende o Campo da Feira de Guitiriz facendo o percorrido pola súa contorna.

Debido a esto, varias rúas de Guitiriz permencerán pechdas ao tráfico o sábado dende as 8.00 ata as 22.30 horas. As rúas afectadas son Mercado, Deputación, avenida Poeta Díaz Castro (dende o cruce coa rúa Xermade), praza Campo da Feira (entorno a Igrexa e a Praza), Río Forxá, As Costaneiras, Candea e Paseo dos Sete Muíños.