Skip to main content
Guitiriz

Queixas dende Guitiriz polo anuncio da reapertura do centro de saúde de Parga en setembro

Por 31 Marzo, 2022Sin comentarios

O anuncio na prensa da recuperación da asistencia presencial no consultorio de Parga realizado polos concelleiros do Partido Popular orixinou a reacción da alcaldesa e do colectivo Parganonsedivide.

A alcaldesa do Concello de Guitiriz, Marisol Morandeira, amosou a súa “total sorpresa” e cualificou de “inadmisible e irrespectuoso cos veciños de Parga” o proceder da Xunta neste asunto.

A rexedora critica que “o Sergas decida facer este anuncio ao grupo municipal do PP en lugar de facelo ao Concello, como é lóxico xa que é a entidade que representa ante as institucións a todos os veciños e veciñas do municipio” e amosa a súa “indignación polo uso partidista das institucións que segue a facer a Xunta”.

“Cremos que é unha boa nova e é de xustiza a reapertura do consultorio pero estas non son as formas de facer as cousas, máis aínda cando sempre estivemos dispostos a colaborar en todo o que fixese falta”, afirmou a rexedora. 

Para Marisol Morandeira o caso é aínda máis grave xa que “xustamente a semana pasada pedín cita co xerente do Sergas, Ramón Ares, para falar deste asunto e comunicóuseme que non podía atenderme ata o próximo luns, xa sabemos o por que”. 

Ademais, Morandeira anuncia que “despois desta falta de respecto cara o Concello agardamos que, polo menos, dunha vez por todas cumpran o que están a prometer e o consultorio de Parga funcione a pleno rendemento no mes de setembro, sen escusas”. 

PARGANONSEDIVIDE

Por outra banda, dende a asociación #PARGANONSEDIVIDE esixen da Xerencia da Área integrada de Lugo- Mariña o cumprimento inmediato do compromiso de reapertura paulatina do centro de saúde unha vez superada a sexta onda e cualifica o anuncio de apertura a partir de setembro coma “unha nova tomadura de pelo á cidadanía sen xustificación algunha e que supón un retraso inaceptábel.”

Dende a plataforma valoran a reunión entre os concelleiros do PP de Guitiriz, o Xerente do Hula e o Delegado da Xunta coma unha “pantomima preelectoral” que supón un aval ao peche do centro médico durante dous anos xá e que “nos reafirma no “carácter político da decisión, que agora avalan e refrendan tanto o líder do PP de Guitiriz coma o concelleiro de Parga que esta formación ten”. “Porqué se non, está presente o delegado da Xunta en Lugo?” preguntan.

“A resposta é que non había e non hai unha motivación baseada en criterios médicos e sí en plantexamentos políticos de recorte auspiciados pola Xunta de Galiza e executados pola Xerencia do Hula. E todo co beneplácito dos nosos representantes políticos no Concello que ata o de agora estiveron calados” dín.

A plataforma veciñal lembra o compromiso da Xerencia de reapertura paulatina ao rematar a sexta onda, recuperando primeiro o servizo de enfermería e despois a atención médica en Parga, expresados nunha reunión a mediados de decembro. “O que onte anunciaron é un incumprimento do que prometeron” denuncian. “A sexta onda pasou afortunadamente e xá tiñamos que ter recuperada totalmente a enfermería e estar a incorporarse os médicos, mais prefiren agardar ata despois do verán escusándose nas vacacións cando, até a pandemia, cos mesmos efectivos, nunca tiveron problemas para cubrilas” rematan.