Skip to main content
Meira

A Xunta propón ao Concello de Meira un convenio para a reforma do centro de saúde

Por 25 Marzo, 2022Sin comentarios

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo unha xuntanza co alcalde en funcións do Concello de Meira, Agustín  Méndez, para explicarlle os detalles do convenio para levar adiante as obras de reforma e ampliación do centro de saúde da localidade.

 Arias sinalou que a Consellería de Sanidade está tramitando xa a licitación da redacción do proxecto para levar a cabo despois a licitación das obras, que se prevé executar este mesmo ano; hai consignada unha partida de 300.000 euros nos orzamentos para esta iniciativa.

 O convenio establece que a Xunta asume a elaboración, supervisión e aprobación do proxecto técnico, así como a contratación e dirección das obras de modernización e ampliación do centro de saúde, con cargo aos seus orzamentos. Pola súa banda, o concello comprometeríase a recoller unha bonificación do 95% do imposto sobre construcións, instalacións e obras, de acordo co disposto no artigo 103.2.a) do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo.

 Esta disposición recolle a posibilidade de establecer bonificacións de ata o 95% “a favor das construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas ou de fomento de emprego que xustifiquen tal declaración”.

 As obras no centro de saúde, que é tamén o Punto de Atención Continuada (PAC) dos municipios da contorna, consistirán nunha ampliación para instalar servizos como unha consulta de enfermería pediátrica, unha sala polivalente, unha sala de técnicas (probas complementarias, citoloxías…), un almacén ou unha sala de limpeza. Tamén se adaptarán os aseos, a recepción e o arquivo, entre outros traballos.

 Esta reforma e ampliación forma parte da Fase 2 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria de Galicia, que contempla a posta en marcha de 37 novos centros de saúde e a ampliación e reforma doutros 14 no conxunto da comunidade.