Skip to main content
Muras

Varios colectivos alegan contra a ampliación da mina San Acisclo de Muras

Por 3 Marzo, 2022Marzo 4th, 2022Sin comentarios

O Sindicato Labrego Galego Galego, a asociación Petón do Lobo, Fundación Montescola, e Ecoloxistas en Acción Lugo, canda outros colectivos da Rede Galega Contra a Minería destructiva da Galiza, Contraminacción e entidades e asociacións ambientalistas da Terra Chá, como Espazo Agroecolóxico, A Estruga e Terra Chá Sostible, veñen de presentar alegacións contra a aprobación do proxecto de explotación e o plan de restauración da explotación de recursos mineiros da sección C) de ampliación a San Acisclo número 4076, situada no termo municipal de Muras, da promotora Materiales Cerámicos Materias Primas SL.

Sometido a información pública dende o 7/01/2022 (DOG Núm. 13, de 20 de xaneiro de 2022), cómpre destacar en primeiro lugar que nos seus aspectos máis importantes este proxecto presentado para a extracción de feldespato é idéntico ao denegado pola Xefatura Territorial o 31/10/2019, pero visado en distinta data, explican o SLG.

Afirman que está “plagado de irregularidades”, e non conta tan sequera con avaliación ambiental, “requisito que é indespensábel se se ten unha mínima vontade de respectar as pautas básicas de protección medioambiental”. Indican que sen esta avaliación non poden ser incorporados os criterios de sustentabilidade na toma de decisións estratéxicas, “nin garantir unha axeitada prevención dos impactos ambientais concretos que se podan xerar, nin establecer mecanismos eficaces de corrección ou compensación”.

Engaden que a ampliación mineira presentada proxéctase plenamente na zona de ampliación de Rede Natura, coas múltiples afeccións que isto suporía.

Na liña das eivas técnicas que caracterizan esta explotación mineira, “destacamos tamén a ausencia dun estudo hidrolóxico e hidroxeolóxico que garanta a calidade das masas de auga superficiais e soterradas, así como a non afección aos acuíferos, malia que cunha simple ollada ao proxecto pódese prever a futura afección severa e prexuizos irreversibles para o sistema de brañas e humidais da zona impactada polo proxecto. Esta actuación implicaría por parte da promotora do proxecto –Materiales Cerámicos Materias Primas SL- a vulneración flagrante da Directiva Marco da Auga (DMA), aliás de impactar directamente na calidade de vida da poboación da contorna e ser absolutamente incompatible con actividades produtivas tradicionais, como os usos gandeiros ou silvopastorís”, din.

Indican ademais que a promotora tamén pretende facer pasar unha ampliación mineira “como unha sorte de complemento, obviando que na ampliación xa concedida non ano 1996 calculábase a extracción de 300 m3 de mineral de feldespato con 4 operarios con ferramentas manuais, sen previsión de uso de maquinaria, o cal resulta incompatible técnicamente cos obxectivos de produción presentados agora pola empresa, que parte dunha produción anual estimada de 140.000 toneladas de material vendible (53.846,15 m3)”. Do documento presentado, con só ter en conta a produción prevista, prevese que as labouras non se adecúen aos proxectos de explotación autorizados coa concesión da mesma, xa que non se trata dunha actualización destes, e si é previsible ocasionar unha maior afección.

Dende o SLG subliñan que a promotora Materiales Cerámicos Materias Primas SL pretende ademais que a solicitude presentada en xaneiro deste ano “sexa unha porta aberta á ampliación indefinida do proxecto ao longo do tempo. A práctica fraudulenta de partición de proxectos extractivos por parte das empresas ten como obxectivo únicamente burlar as lexislacións de protección medioambiental mentindo sobre a verdadeira extensión e impacto destas instalacións”.

Neste caso dase unha fragmentación de proxectos -SAN ACISCLO Nº 4070, JOSE Nº 4260, SILAN Nº 4800, AMPLIACION SAN JOSE Nº 5239 e a solicitada AMPLIACION SAN ACISCLO Nº 4076-, “para evitar así que os impactos sexan avaliados no seu conxunto”.

“A sumar a todas estas irregularidades manifestas, dende o Sindicato Labrego entendemos que os dereitos mineiros non están vixentes, e así consta en informes recentes da propia Xefatura Territorial de Lugo, dado que non foron consolidados -conforme o establecido na disposición transitoria primeira da Lei 22/1973- por informe negativo da Delegación Provincial”, conclúen.

“Sen embargo, curiosamente aínda así nese ano aprobouse a trasmisión”, engaden e afirman que nos vindeiros días solicitarán tamén que se revisen esas transmisións de titularidade, “xa que existen moitas posibilidades de que non se adecuen á legalidade”. Estas concesións mineiras datan do ano 1969, asignadas a José Pernas Cerdeira. Dende o ano 2007 sucedense varias transmisión nas que se ven implicadas tres empresas: Materiales Cerámicos SA, posteriormente Materiales Cerámicos SL (05/07/2013 que as vende antes de declarar o concurso voluntario) a Sargadelos Minas Xerais SL e logo a Materiales Cerámicos Materias Primas SL “dándose a sospeitosa circunstancia de que unha mesma persoa actua nalgún momento nas tres entidades. Durante estes anos non se presentaron plans de labores, e non constan aprobacións de paralizacións temporais. Polo tanto a todas luces son concesións que se terían que declarar caducadas”.

“Dende o Sindicato Labrego Galego vímonos obrigadas a acudir á Valedora do Pobo en maio do ano pasado para poder ter acceso a infomación, xa que por parte da Consellaría de Industria paralizaron/arquivaron en varias ocasións as nosas solicitudes de información no ano 2020 e 2021”, afirman.

Ademais de presentar alegacións como SLG e dende outros colectivos sociais, “agardamos que por parte do Concello de Muras se teñan tamén presentadas alegacións na defensa da veciñanza afectada, e entre todas logremos parar esta perigosa manobra de elusión da normativa medioambiental, que ben seguro non será a última que protagonicen as empresas privadas que están esquilmando e destruíndo o noso medio rural para incrementar o seu enriquecemento á costa dos dereitos humanos e sociais da poboación galega”, rematan.