Skip to main content
As PontesMuras

As Pontes interésase polas axudas da luz do Concello de Muras

Por 12 Marzo, 2022Marzo 13th, 2022Sin comentarios

Unha delegación das Pontes mantivo este venres unha xuntanza co Goberno local de Muras para coñecer in situ o sistema de axudas ao pago da luz vixente neste Concello, co obxectivo de ver as posibilidades da súa posible aplicación.

Estiveron presentes nesta reunión informativa Antonio Alonso, primeiro Tenente de Alcalde das Pontes; Maite Méndez, concelleira-delegada especial de Organización Económica e Kiko da Silva, portavoz do BNG mentres que por Muras estiveron, o alcalde nacionalista Manuel Requeijo Alcalde e Mario Rouco, segundo Tenente de Alcalde de Muras.

Os dirixentes ponteses recibiron información detellada da posta en marcha desta iniciativa que Muras inaugurou no 2016 para axudar aos veciños a sufragar as facturas da luz de todo o ano cos impostos que se cobran ás empresas eólicas pola instalación de aeroxeradores.

Esta visita prodúcese precisamente no momento no que os veciños están a presentar as súas solicitudes das axudas ao Concello de Muras, prazo que remata a mediados de marzo e que todos os anos se abre en febreiro.

O Concello de Muras destina a este capítulo un total de 90.000 euros. Ofrecen dúas liñas de apoio, unha destinada aos autónomos, pequenas empresas ou explotacións agropecuarias radicadas no municipio, para subvencionarlles tamén o pago da factura da luz, cunha contía fixa de ata 1.500 euros.

A segunda é a dirixida a subvencionar os gastos domésticos cunha subvención de ata 600 euros para cada familia. Para chegar á máxima cuantía o tope en fogares será con rendas inferiores a 15.000 euros.