Skip to main content
Muras

O alcalde de Muras insta á Xunta a impulsar o polígono industrial

Por 20 Marzo, 2022Marzo 21st, 2022Sin comentarios

No último requirimento da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, do 3 de decembro de 2021, solicítase a incorporación dun informe sectorial de medio rural, non requirido con anterioridade, explica.

O alcalde de Muras, Manuel Requeijo, fixo un chamamento á Xunta de Galicia e ao PP para “arrimar o ombreiro” para impulsar o polígono industrial, que leva en trámites varios anos.

“É de publico coñecemento que os traballos para contar cun polígono Industrial iniciáronse no ano 2016, e despois de seis anos seguimos sen ter aprobado a modificación das normas subsidiarias, trámite necesario para poder construír as ansiadas instalacións industriais. Nesta tramitación, foron varios os requirimentos da Dirección Xeral para emendar o documentos, ben por falla de informes ou por cuestións puramente formais. No último requirimento de Urbanismo, advirten da ausencia dun informe sectorial, de Medio Rural, sobre a protección agropecuaria e forestal, que non fora requirido en ningunha comunicación anterior, ademais da necesidade de aportar planos dos que tampouco se dera conta previamente”, explica o alcalde.

O mandatario engade que “non é comprensible que a lexislación do solo de Galicia, estableza no seu artigo 60.7, que será o órgano competente en materia de urbanismo quen solicite os informes sectoriais autonómicos preceptivos, que haberán de ser emitidos no prazo de tres meses, transcorrido o cal se entenderán emitidos con carácter favorable, e despois a propia Xunta inste ao concello a que solicite ditos informes. De feito, o último informe que se precisa da Consellaría de Medio Rural, foi solicitado polo Concello o 20/12/2021, e a día de hoxe, despois de catro meses, aínda non foi emitido”.

“O colmo deste proceso é a presentación do PP de Muras, a través do Sr. Balseiro, dunha pregunta na comisión 2ª de ordenación territorial para saber en que situación se atopa o expediente da modificación urbanística. Parece que o PP aínda non se enterou de que hai seis anos que Muras quere facer un polígono Industrial e tampouco que Augas de Galicia ou a Consellaría de Medio Rural son organismos que dependen da Xunta de Galicia, non do concello, polo que mellor lles sería pedir explicacións nos despachos onde gobernan”, afirma Requeijo.

A equipa de goberno, manifestou que “Con tanta lexislación feita polo PP de simplificación administrativa para a reactivación da economía non é normal que a propia Xunta de Galicia non cumpra a normativa que aproba, como nos prazos de emisións de informes”. Os edís engadiron que “a verdade é que o PP na Xunta non está facendo nada para activar a economía de Muras, porque as empresas seguen esperando a que teñamos o parque industrial listo, onde se poderían crear varios postos de traballo. Despois quéixanse de que o rural está despoboado e da falla de emprego”. Por último engadiron “Se queren que Muras conte cun polígono Industrial, que se dediquen a traballar xa na Xunta para que fagan o seu traballo, en vez de enganar con palabrería barata e poñer trabas no futuro do noso pobo. Levamos once anos de moita propaganda de Feijoo de activación da economía e cero efectividade, e só vemos como as empresas na comarca pechan unha tras outra”.