Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Volve o concurso escolar de recitado de poesía na Casa-Museo Manuel María

Por 15 Marzo, 2022Xuño 21st, 2022Sin comentarios

Numeroso alumnado de toda Galiza participará na VIª edición na xornada do sábado día 19. O concurso Rosalía sempre viva vense celebrando desde 2015 para potenciar a expresión oral e a creatividade a través do coñecemento e o recitado de Rosalía e Manuel María.

A Casa-Museo Manuel María ten xa todo preparado para acoller este sábado, 19 de marzo, a final da VIª edición do Concurso escolar de recitado poético Rosalía sempre viva, dirixido a todo o alumnado de ensino non universitario de Galiza, desde 1º de Primaria até 2º de Bacharelato. Un certame cuxa fase previa se desenvolveu en centros educativos de Lugo, Vilagarcía de Arousa, Redondela, Viveiro, Arbo, Compostela, Panxón, Xanceda, Cea, Rodeiro, Foz, Monterroso, Carballo, Rianxo, Ponteareas, Milladoiro, Vigo, Cambados, A Estrada, O Barco e Vilalba, dos que saíron os máis de medio centenar de finalistas que este sábado optan aos premios que concederá o xurado, composto por persoas do ámbito do ensino, do teatro e a poesía.

Unha actividade iniciada en 2015 que tivo que ser interrompida durante estes dous últimos anos pola COVID.

O concurso Rosalía sempre viva iniciouse en 2015 co obxectivo de potenciar a expresión oral e a creatividade entre o alumnado galego a través do coñecemento e o recitado da poesía en galego de Rosalía de Castro e da ampla obra poética de Manuel María, dúas das voces máis importantes e populares da nosa literatura. Desde o primeiro ano a receptividade do certame e a resposta de participación foi moi salientábel, rebordando todas as expectativas, e facéndose preciso desenvolver o certame ao longo de toda a xornada para poder acoller á totalidade do alumnado participante así como ao profesorado e os familiares acompañantes.

En 2020, na mesma semana que se ía celebrar a fase final do certame, houbo que suspendelo ante a situación socio-sanitaria motivada pola aparición da COVID, situación que houbo que prolongar en 2021.

Sesión de mañá e tarde na xornada deste sábado día 19 de marzo

Na presente edición o número de participantes volve ser moi alto, mesmo supera o da última edición pre-pandemia. Por iso, a xornada estrutúrase en quendas de mañá e de tarde: durante a mañá recitarán as categorías 1 e 2, correspondentes ao estudantado de primaria, e durante a tarde a 3ª e 4ª categoría, que se corresponden con alumnado de secundaria, bacharelato e ciclos formativos. Os recitados da mañá darán comezo ás 11.30 e os da tarde ás 16.30. No decorrer da xornada, nos momentos de deliberación do xurado, organizaranse percorridos guiados polo interior da Casa-Museo Manuel María para os participantes, así como para o profesorado e familias que os acompañen.