Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Inaugurada onte en Outeiro de Rei a tempada de pesca

Por 21 Marzo, 2022Sin comentarios

A nova tempada de pesca en augas continentais comezou onte oficialmente na meirande parte dos ríos da Comunidade para os máis de 41.000 afeccionados galegos que contan este ano con licenza en vigor.

Con motivo da primeira xornada hábil para a pesca da troita, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo, o tenente de alcalde de Begonte, Luis Luaña, a entidade colaboradora de pesca Asociación Deportiva Río Ladra e os axentes e vixiantes medioambientais da zona, visitaron un tramo do río Ladra ao seu paso por ambos municipios lucenses, desde onde se referiu aos aspectos máis destacados da campaña 2022.

Así, explicou que, no caso da troita e tamén con carácter xeral, a tempada de pesca en Galicia estenderase ata o 31 de xullo, tal e como figura na orde publicada o pasado mes de febreiro e na que se recollen as normas que rexerán este ano para as distintas especies ictícolas das augas continentais galegas.

Ao igual que a tempada pasada, os luns serán inhábiles para pescar, agás festivos nacionais ou autonómicos. Os xoves serán hábiles unicamente para a modalidade de pesca sen morte en todas as masas de auga, excepto o 14 de abril (Xoves Santo), durante o que se poderá exercer a actividade segundo a modalidade de pesca autorizada en cada couto.

En canto aos datos da nova tempada, Belén do Campo subliñou as 41.225 licenzas de pesca tramitadas nas catro provincias, un dato superior ao de 2021 —cando a cifra foi de ao redor de 37.000 en toda Galicia— e que resulta indicador da “volta á normalidade” neste sector tras dous anos marcados pola covid.

Neste sentido, referiuse aos 8.822 pescadores con licenza vixente en toda a provincia de Lugo, aos que lles desexou “unha boa tempada”, cunha mención especial aos afeccionados que estaban pescando na zona durante a súa visita ás dúas marxes do río Ladra.

Precisamente, a directora xeral aproveitou a súa presenza no río Ladra para salientar a gran riqueza natural desta zona, incluída dentro da Rede Natura 2000 e tamén na Reserva de Biosfera Terras do Miño.

Así mesmo, explicou que o Ladra será unha das 50 canles fluviais que se beneficiarán do Proxecto Mil Ríos impulsado pola Xunta grazas aos fondos europeos Next Generation asignados a Galicia para executar iniciativas en materia de biodiversidade. En concreto, a actuación neste río centrarase sobre un tramo de coto sen morte de 1,8 km de lonxitude e que abrangue algo máis de 7 hectáreas.

Períodos e tamaños por especies

Aínda que para a troita a tempada rematará o 31 de xullo, nos coutos con convenio de colaboración prolongarase ata o 30 de setembro na modalidade de pesca sen morte. Nas augas salmoneiras, nas de reo ou nas de montaña a tempada comezará aínda o 1 de maio.

Como norma xeral establécese a posibilidade de capturar 6 exemplares ao día e por persoa, cunha talla mínima de 19 centímetros. En canto aos engados, son os mesmos que os da tempada pasada.

No caso do salmón, o período hábil de pesca abranguerá desde o 1 de maio ata o 31 de xullo, pero poderá adiantarse o seu remate en función das capturas. Nos tramos compartidos do río Eo e nos coutos do Ulla, o período rematará o 30 de xuño.

A cota de captura establécese nun exemplar por persoa e xornada, cunha dimensión mínima de 40 centímetros (45 cm nos coutos compartidos con Asturias). A ratio anual no río Ulla queda fixada en 30 exemplares; no Mandeo os exemplares serán 5; no caso do río Masma a cota é de 15 salmóns; no Miño fíxase en 8; e no couto de Salmeán, en 10. No resto dos coutos autorizados no río Eo non se establece cota anual de captura.

Por último, a tempada hábil para a pesca do reo, en xeral, comezará o 1 de maio e rematará o 31 de xullo. En todo caso, prorrogarase nos coutos de Betanzos, Noia, Noval, Ombre, Padrón, A Ponte do Porto, Ribeiras, Segade, Traba, Xuvia e Lambre ata o 30 de setembro; e no caso de Ponte Arnelas, Pontevea, Santeles, Sinde e Ximonde ata o 31 de agosto.