Skip to main content
As Pontes

As Pontes instala 16 casiñas de libros

Por 3 Marzo, 2022Sin comentarios

O Concello das Pontes, co obxectivo de continuar fomentando a lectura entre a veciñanza, vén de instalar 16 novas casiñas de libros no municipio.

Un proxecto a través do que o goberno local quere promover o intercambio de libros mediante o sistema coñecido como “bookcrossing”, unha práctica que consiste en liberar libros para que poidan ser atopados e leídos pola veciñanza.

Lorena Tenreiro, responsable de Medios Locais do Concello das Pontes, indica que “a través desta iniciativa tratamos de extender os servizos da Biblioteca Municipal Rivera Rouco á cidadanía, garantindo un acceso libre e de balde á cultura, fomentando a lectura en espazos comunitarios, nos que conflúen persoas de todas as idades, consolidando un proxecto que se puxo en marcha no ano 2018 e que permitiu incentivar a participación cidadá na cultura”

As casiñas, instaladas nas proximidades dos locais sociais das Asociacións Veciñais das parroquias pontesas e no Lago das Pontes, recibirán, nos próximos días, libros pertencentes ao fondo da Biblioteca Municipal Rivera Rouco.

Obras de literatura infantil, xuvenil, novelas, libros de poesía, arte, ensaios ou clásicos da literatura que serán liberados para que calquera veciño ou veciña poida botar man deles, leelos, quedar con eles ou a liberalos, deixándoos nas casiñas de libros para que poidan ser lidos por outras persoas.

Nese sentido, desde o Concello das Pontes convidan á veciñanza do municipio a continuar colaborando con esta iniciativa, que tan boa acollida tivos desde o seu comezo “liberando os seus libros, compartindo coa veciñanza o seu interés e amor pola literatura, facendo posible converter a As Pontes nunha grande biblioteca ao aire libre”.