Skip to main content
As Pontes

As Pontes lidera a implantación de novos Plans Locais de Saúde en 14 centros galegos

Por 26 Marzo, 2022Sin comentarios

A Xunta destaca os Plans Locais de Saúde como mecanismos de organización para avanzar cara unha atención primaria máis eficaz.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou onte, na súa visita ao centro de saúde das Pontes, que os plans locais de saúde postos en marcha polo Goberno galego están a resultar uns instrumentos de organización fundamentais para avanzar cara unha atención primaria máis eficaz.

No acto de onte, o titular da carteira sanitaria presentou o Plan local de saúde de As Pontes, un dos primeiros 14 servizos en telo, e aos que se unirán 42 máis neste ano. Tal e como incidiu o máximo responsable sanitario galego, con estes Plans o obxectivo da Xunta é conseguir unha análise das necesidades particulares de mellora de cada servizo de atención primaria na asistencia que presta e, ademais, unha proposta de traballo en equipo para afrontalos. En consecuencia, -proseguiu García Comesaña-, unha diagnose dos principais problemas de saúde da poboación á que atende o servizo, e unha análise de como se organizan os procesos e a prestación sanitaria.

Afrontar o déficit de persoal na atención primaria segue a ser a primeira prioridade para a Xunta e, a tal efecto, o conselleiro destacou que o Sergas creou, na área de Ferrol, 28 novas prazas nos centros do primeiro nivel asistencial, das que xa están cubertas 24. E en materia de infraestruturas o investimento da Xunta nesta área reflíctese na construción de cinco novos centros (Espasante, As Somozas, A Capela, Ares e Narón) e na reforma doutros cinco (Serantes, Mugardos, Ortigueira, Cabanas e As Pontes), ademais dos orzamentos destinados a arranxar centros de saúde municipais. En total, máis de 11 millóns de euros en infraestruturas de primaria nesta área, aos que hai que engadir outros 230.000 euros destinados a equipamentos que permitiron incorporar un electrocardiógrafo e un holter a este centro.

Papel protagonista

O conselleiro considera que o centro de saúde debe ter nun concello un papel protagonista como axente que lidere proxectos que definan melloras de saúde en toda a poboación, organizando intervencións de saúde comunitaria a través de programas de hábitos de vida saudable, ou de prevención da enfermidade, enfocados aos principais problemas de saúde da súa poboación, e aos recursos cos que conta o seu concello.

Garcia Comesaña sinalou que os plans de saúde locais son o complemento dunhas medidas xerais de reorganización da atención primaria que está a levar a cabo a Xunta. Entre esas medidas destacou o sistema informático de devolución de chamadas CRM100; as axendas de calidade  do persoal médico para unha mellor xestión do tempo; ou o sistema XIDE de xestión integrada da demanda, que posibilita a participación interdisciplinar de todos os profesionais de primaria.

Atención máis eficaz

O conselleiro dixo na súa intervención que o plan local de saúde de As Pontes detectou que, nesta zona, estase a utilizar pouco a plataforma TELEA de atención a domicilio, ou que aínda hai pouco hábito de uso da posibilidade habilitada pola área sanitaria de que tamén o persoal de enfermería ou farmacia poida solicitar analíticas dos pacientes crónicos. O plan tamén detectou unha prevalencia moi alta de patoloxías relacionadas coa hipertensión arterial, que poden recibir seguimento domiciliario a través dese sistema informático.

O plan tamén detectou a obesidade como un factor de risco de saúde con alta prevalencia nesta área. Así mesmo, identificou un número moi importante de instalacións deportivas ou espazos naturais onde practicar actividade física, correspondendo ao equipo directivo do centro buscar a colaboración co concello e entidades sociais co obxecto de deseñar programas cos que utilizar estes recursos para a mellora da saúde da poboación e a prevención da enfermidade.

En definitiva, -dixo o conselleiro-, esta modernización da atención primaria que está a levar a cabo o Goberno galego, con este novo modelo organizativo, é o que quere a Xunta para a Galicia dos vindeiros anos, tanto dende o punto de vista dos pacientes como dos profesionais.

Sinalar que o acto contou coa presenza do xerente da área sanitaria, Ángel Facio, así como do xefe de servizo do centro, Pablo Pérez, quen explicou a utilidade do plan de saúde local que desenvolveu o equipo deste centro, remarcando que están moi ilusionados co reto.