Skip to main content
Vilalba

Vilalba Aberta pedirá en Pleno o arranxo da pista da Louseira

Por 7 Marzo, 2022Sin comentarios

O vial, que une as parroquias de Alba, Torre e Insua, atópase nun evidente estado de degradación e de completo abandono, tamén, no relativo á limpeza das cunetas.

Logo dunha visita a San Xoán de Alba, a formación Vilalba Aberta vén de rexistrar unha nova iniciativa – a debater no vindeiro Pleno de marzo – coa que pretenden dar resposta ás demandas dos veciños/as, pola vía do arranxo e limpeza de noiros no vial municipal coñecido como “Pista da Louseira”   

O tramo, que conecta as parroquias de Alba, Torre e Insua, atópase nun estado evidente de degradación, polo que a solicitude de actuación exposta na proposición de Vilalba Aberta, redundaría nunha importante mellora da rede de comunicacións do rural vilalbés.

Dende hai xa demasiado tempo, os veciños/as da zona veñen reclamando do goberno local que se atenda esta solicitude; mais, tal e como lamentou a vicevoceira da formación municipalista, Mª Xosé Fernández, “ninguén os está a escoitar.”

Xunto á concelleira, a Alba desprazouse tamén o voceiro municipal de VA, Modesto Renda, quen contextualizou a iniciativa como “unha nova chamada de atención ao goberno en relación co estado da rede viaria municipal”, apuntando directamente á responsabilidade do edil de infraestruturas en base ao “limitado da inversión” e o “baixo custe” que, para as arcas municipais, suporían os traballos de rebacheo.

Así, e ao tempo que agradeceron a confianza dos veciños/as no Grupo Municipal de Vilalba Aberta para, ámbolos dous edís apelaron ao consenso de todos os grupos políticos con representación no Concello de Vilalba, con vistas a atender esta nova reivindicación veciñal “de xeito inmediato”