Skip to main content
Vilalba

Vilalba Aberta reivindica á muller rural no 8 de marzo

Por 8 Marzo, 2022Sin comentarios

Paula Ferreiro, nova integrante de formación, presentou a campaña xunto á vicevoceira municipal Mª Xosé Fernández e ás responsables de Organización e Medio Ambiente, Mónica González e Ana Paredes.

“Sen muller non hai rural”. Ese é o lema elixido por Vilalba Aberta de cara á celebración, este martes, do Día Internacional da Muller Traballadora. Un chamamento á veciñanza, a través do que pretenden pór o foco no “papel central da muller no sector agrogandeiro”, así como nas desigualdades no que ten que ver coa distribución dos tempos e dos coidados, consecuencia do “progresivo desmantelamento dos servizos públicos no rural”.

Na presentación, que supuxo a primeira intervención da vilalbesa Paula Ferreiro como integrante do equipo de traballo da formación, anunciouse tamén  a chegada a Vilalba Aberta doutra cara nova, neste caso outra moza veciña da parroquia de Carballido, a emprendedora no rural Nadia Río Fraga. 

Tal e como declarou a vicevoceira municipal de VA, Mª Xosé Fernández, “a vangarda da muller traballadora está hoxe no rural”, sobre todo en tempos de crise coma os que estamos a vivir, cando “máis se acentúa a división sexual do traballo”, levando a muller cara os “labores domésticos, aos sectores produtivos feminizados ou, na maioría dos casos, forzándoas a compatibilizar ámbalas dúas tarefas.”

Unha opinión compartida pola súa compañeira e responsable de Organización da formación municipalista, Mónica González, quen denunciou que “nun contexto de desmantelamento dos servizos públicos como o actual, é maioritariamente a muller a que permanece no fogar para desempeñar o traballo non remunerado e pouco valorado do coidado dos seus maiores e dos nenos.”

Por último, a responsable de Medio Ambiente de VA, Ana paredes, referiuse á situación laboral no rural, apuntando directamente ás altas taxas de temporalidade e baixos salarios. Paredes indicou, tamén, que a fenda salarial entre homes e mulleres no rural galego é “a máis alta do Estado”, dato ao que se engade as pensións máis baixas.

“A situación económica das mulleres do rural galego é alarmante e as mozas son as peor paradas nesta desigualdade dentro da desigualdade. Emprego, servizos públicos e conciliación, son clave para acabar coa discriminación laboral, concluíu.