Skip to main content
Vilalba

O BNG en Vilalba inicia unha campaña para dotar o centro de saúde

Por 11 Marzo, 2022Sin comentarios

O Bloque Nacionalista Galego en Vilalba iniciou unha campaña para dotar de máis recursos, tanto humanos como materiais, ao centro de saúde e PAC de Vilalba.

A primeira acción desta campaña foi a recollida de sinaturas, na que se solicita á Consellería de Sanidade: a dotación total das prazas de persoal facultativo coas que conta o centro de saúde e PAC de Vilalba, a restitución urxente do servizo de pediatría e, por último, a dotación de recursos materiais suficientes para garantir o pleno funcionamento do centro de saúde e PAC de Vilalba.

A responsábel local do BNG en Vilalba, Mónica García, explicou a situación actual da Atención Primaria na localidade “o centro de saúde non conta con todo o persoal facultativo de familia, e por riba, o servizo de pediatría é inexistente; é inadmisíbel esta situación, precisamos contar con todos os servizos para garantir o noso dereito a sanidade pública”

Neste senso, Mónica García sinalou que este centro non só da servizo a Vilalba senón que unha meirande parte da comarca da Terra Chá, por ser o seu centro de referencia de urxencias “é moi grave que un concello de máis de 10.000 habitantes como é Vilalba non conte con este servizo, pero isto agrávase máis tendo en conta que da servizo a Muras, Abadín, Xermade ou Cospeito”

O BNG continuará con accións para que a Xunta de Galiza redirixa esta situación e dote con todos os recursos necesarios a Atención Primaria de Vilalba.