Skip to main content
Vilalba

O PP de Vilalba elixe a Sandra Vázquez como nova presidenta

Por 27 Marzo, 2022Marzo 28th, 2022Sin comentarios

O comité executivo, composto por 10 mulleres e 5 homes, integra “caras novas de xente moza e persoas con experiencia en gobernos anteriores” que contarán co apoio de 32 vogais en representación do conxunto do termo municipal.

O PP de Vilalba elixiu por aclamación á deputada autonómica e, ata agora presidenta da xestora, Sandra Vázquez, como nova presidenta no congreso no que se renovou a xunta directiva local. Son medio cento de persoas que constitúen “un equipo con compromiso, ilusión e responsabilidade integrado por caras novas de xente moza e persoas con experiencia en gobernos anteriores”.

A executiva estará integrada por 10 mulleres e 5 homes. Xunto á presidenta, conforman este comité Pepe Franco como secretario xeral; Sandra Rivas como secretaria de Participación e Acción Electoral e José Antonio Pita como secretario de organización. As vicesecretarías contarán con Carmen Otero como responsable de Política Social e Maiores; José Janeiro en Deportes e Tecido Asociativo; Sandra de Bernardo, en Comunicación; José María García-Leira Boado, en Promoción Económica, Iniciativa Empresarial e Industria; Agustina Fernández, en Sanidade; Paula Gesto en Infancia e Xuventude, Gaudi Pérez en Medio Rural e Medio Ambiente; Patricia Teijeiro en Cultura e Educación; Inmaculada Ramudo, en Infraestruturas e Mobilidade; Flor Rey en Igualdade; e Begoña Novo en Comercio e Turismo.

A proposta da actual presidenta, únense a José María García Leira na presidencia de honra do Partido Popular de Vilalba Agustín Baamonde e Gerardo Criado que tamén foron alcaldes de Vilalba e, polo tanto, teñen moito que ver -xunto ás persoas que integraron os distintos gobernos- no desenvolvemento de Vilalba e o municipio que hoxe coñecemos”.

A xunta directiva complétase con 32 vocais. Deste xeito, estará composta por “50 persoas que representan á sociedade do conxunto das 29 parroquias de Vilalba; persoas comprometidas que demostraron a súa implicación co Partido Popular e outras que se incorporan con vontade de sumar”.

Vázquez agradeceu o apoio dos afiliados a “un proxecto aberto” e comprometeuse a “escoitar aos veciños, estar ao seu carón, coñecer as súas ideas” e tamén “a sumar persoas en torno ao Partido Popular que sempre estivo vencellado a Vilalba. Vilalba constrúese dende o compromiso de todos”, dixo.

Alternativa con experiencia e compromiso 

A presidenta electa defendeu que “o Partido Popular é a alternativa con experiencia de goberno. Somos un partido de goberno, que sabe xestionar e escoita aos veciños. Un partido comprometido co territorio, co seu desenvolvemento e a dotación de servizos aos veciños”.

Vázquez explicou durante o seu discurso os tres piares fundamentais de traballo do PP vilalbés: promover o desenvolvemento económico de Vilalba -a través do asentamento de empresas no polígono industrial que, á súa vez, favoreza o asentamento de poboación e repercuta no comercio e a hostalería-; apostar por servizos de calidade -dende os máis pequenos aos máis maiores-; e defender o noso rural e o seu desenvolvemento, “prioritario para o noso concello e o noso partido”.

Polo tanto, convidou a todos a “traballar na mesma dirección para fortalecer o partido e defender o noso proxecto de cara ás eleccións municipais do 2023. Temos traballo por diante, pero entre todos sumaremos porque queremos o mesmo: o mellor para Vilalba”.

Nese sentido, Vázquez sinalou que “debemos centrar os nosos esforzos en devolver a boa xestión ao Concello e para iso temos que ser capaces de  trasladar aos vilalbeses a parálise do goberno local. Un goberno do PSOE que volve ao pasado e que non está a escoitar aos veciños. Gasta, nun momento de subida xeralizada dos prezos, arredor de 2 millóns de euros en obras en refacer o que xa había feito e que non mellora a vida dos veciños outro parque acuático da Madalena e un novo gasto na rúa da Pravia que non resolve o caos circulatorio de Vilalba. Non é un goberno responsable como tampouco o é Vilalba Aberta ao ser socio en moitas decisións, a pesar da ruptura do pacto de goberno de forma unilateral por parte dos socialistas”.

Apoio dos compañeiros

A presidenta provincial do PP, Elena Candia, tivo palabras de apoio para a nova presidenta do PP local ao ser coñecedora do seu “traballo constante e ao seu compromiso”. Agradeceu que dera o paso de presentarse para liderar o PP local de forma que “o PP lucense suma noutra agrupación local a unha muller á fronte dunha executiva”. E incidiu en que “o legado do noso presidente fundador, Manuel Fraga, merece que desde hoxe se empece a construír un proxecto gañador que acade o goberno desde a unidade, xenerosidade e do que sexan centro os vilalbeses”.

Vázquez estivo arroupada, ademais de pola presidenta do PP provincial; polo portavoz do Grupo Popular no Parlamento, Pedro Puy, e outros compañeiros deputados; o coordinador xeral do PP de Lugo, José Manuel Balseiro; o secretario xeral, Javier Vázquez Nodal; os senadores José Manuel Barreiro e Rosa Arza;  o portavoz do Grupo Provincial Popular, Javier Castiñeira; alcaldes e outros compañeiros do PP lucense.

O acto contou tamén coas palabras do presidente do PPdeG e actual candidato á presidencia do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo; que, a través dun vídeo, quixo trasladar o seu apoio a Sandra Vázquez, “unha muller nova e preparada”. A través doutra proxección audiovisual, a presidenta electa fixo balance do traballo feito pola xestora dende o ano 2020. Tamén tivo palabras de agradecemento para os pedáneos falecidos nos últimos meses. De feito, os asistentes gardaron un minuto de silencio en memoria de Manolo de Codesido falecido esta mesma semana.

Xunta Directiva

  • Presidenta: Sandra Vázquez
  • Secretario Xeral: José Franco
  • Secretaria de Participación e Acción Electoral: Sandra Rivas
  • Secretario de Organización: José Antonio Pita Paz
  • Vicesecretaria de Política Social e Maiores: Carmen Otero
  • Vicesecretario  de Deportes e Tecido Asociativo: José Janeiro
  • Vicesecretaria de Comunicación: Sandra de Bernardo
  • Vicesecretario de Promoción Económica, Iniciativa Empresarial e Industria: José María García-Leira Boado
  • Vicesecretaria de Sanidade: Agustina Fernández
  • Vicesecretaria de Infancia e Xuventude: Paula Gesto
  • Vicesecretario de Medio Rural e Medio Ambiente: Gaudi Pérez
  • Vicesecretaria de Cultura e Educación: Patricia Teijeiro
  • Vicesecretaria de Infraestruturas e Mobilidade: Inmaculada Ramudo

 

  • Vicesecretaria de Igualdade: Flor Rey
  • Vicesecretaria de Comercio e Turismo: Begoña Novo
  • Vocais: Celso Lamas, José Enrique Castro, José Antonio González Morado, Ángel Carballido, Eugenio Graña, Manuel Prado, Jose Novo, Benito Prado, Tomás Otero, Félix Campello, Antonio Vázquez, Gloria Bodenlle, Jose Prado, Javier Castro,  Miguel Díaz, Félix Greco, Carlos Rivas, Javier Lamas, Herminio Castro, César Durán, Enrique Bañobre, Miguel Fraga, Juan Pérez, Adrián Lozano, Daniel Pérez, Humberto Rouco, Amador Guerra, Bernardo Rodríguez, Fernando López, José A. Fraga, José Manuel Seoane e José Miguel Díaz.
  • Presidentes de honra: José María García Leira, Agustín Baamonde Díaz e Gerardo Criado Guizán.