Skip to main content
Vilalba

O PP de Vilalba esixe ao Goberno máis tempo para revisar o inventario de camiños

Por 31 Marzo, 2022Sin comentarios

O Grupo Municipal do PP de Vilalba esixe ao goberno local “a revisión do inventario municipal de camiños e o análise das alegacións presentadas” co obxectivo de “elaborar un documento que se axuste á realidade e resulte útil para os vilalbeses”.

“Tendo en conta que cremos que o máis axeitado é que os veciños coñezan de maneira pormenorizada o contido do inventario de camiños, no vindeiro pleno instaremos ao Concello a ampliar o prazo para presentar alegacións para que os vilalbeses dispoñan de máis tempo para consultar e presentalas, no caso de que consideren necesario. É fundamental para corrixir deficiencias e evitar posibles problemas que estas poidan supoñer no futuro”, defende a portavoz, Sandra Vázquez.

Os populares consideran que “o goberno local debe facilitar que os veciños coñezan os asuntos do Concello e, neste caso, o contido do inventario de camiños, un documento no que se  identifican os camiños e se clasifican en función da súa titularidade -pública (estatal, autonómica, provincial e municipal) ou privada- e que, trala súa aprobación definitiva, adquirirá plena validez”.

O Grupo Municipal Popular tamén demanda maior comunicación e diálogo cos veciños para o establecemento dos puntos de recollida de plásticos agrícolas. “O Concello de Vilalba leva anos procedendo á recollida de plásticos do silo. Nos últimos anos sitúanse en puntos concretos en días sinalados para facilitar a súa retirada”; pero “para facilitar o traballo aos gandeiros e non prexudicar aos veciños pola mala situación dos puntos de recollida, agardamos que o goberno local os revise”.

Dinamización social e cultural no rural

Sandra Vázquez reitera que “o rural é unha parte moi importante de Vilalba e tamén para o Grupo Municipal Popular”. Lembra, neste sentido que “no ano do 2017, o Concello de Vilalba poñía en marcha un plan de dinamización das contornas rurais co obxectivo de mellorar as relacións sociais das persoas maiores. Antes da pandemia da covid-19 desenvolvíanse talleres de diferentes temáticas que cremos necesario recuperar”. Polo tanto, os populares instarán tamén na vindeira sesión plenaria ao Concello a reinicie unha nova convocatoria de ‘O rural más vivo’ porque repercute positivamente nas relacións persoais nas contornas rurais”.