Skip to main content
Ribadeo

O IES Ribadeo Dionisio Gamallo celebra o Día de Europa con varias actividades

Por 26 Abril, 2022Sin comentarios

Durante estes días e ata o 9 de maio, o IES Ribadeo Dionisio Gamallo levará a cabo unha serie de actividades con motivo do Día de Europa, no seu papel como unha das 6 escolas galegas Embaixadoras do Parlamento Europeo.

Durante a semana do 25 ao 29 de abril, varios alumnos e alumnas se desprazarán ata o Concello de Ribadeo para recabar información sobre o proxecto de dixitalización de documentación realizado con Fondos Europeos e sobre o que están elaborando un informe.

Hoxe, martes 26, alumnado participante no proxecto Taeus terá a súa 3ª sesión on line cos coordinadores do equipo InGalicia.

O venres 29 abril o eurodiputado Nicolás González Casares visitará o centro e falará co alumnado sobre contidos europeos, situación actual, futuro, participación cidadá,…

Así mesmo e baixo a coordinación de Europe Direct A Coruña realizarán unha exposición e un vídeo divulgativo sobre algúns aspectos do Pacto Verde Europeo.

O 9 de maio alumnas embaixadoras junior traballarán co alumnado de 1º ESO diversos xogos que teñen a Europa como protagonista; estas mesmas alumnas son as responsables da actualización do Twiter (Cosmopolitas1) no que comentamos noticias que teñen que ver coa realidade europea. Publicarán tamén unha actividade conxunta con centros Embaixadores de toda España celebrando o Ano Europeo da xuventude.

O mesmo 9 de maio durante o recreo, proxectarán no patio de columnas unha selección de traballos e vídeos presentados a diferentes concursos e proxectos, exporán no Infopoint o novo material divulgativo. Pola tarde, a partir das 15.30 alumnado de 1º BAC escoitará a Iván Lombardero, técnico medioambiental, sobre o presente e o futuro medioambiental da nosa sociedade.

O 20 de maio terán unha conexión coa sede do Parlamento Europeo para unha nova edición de Eurocola en directo para uns 70 centros de ensino de Europa (7 centros españois). Será unha xornada de dúas horas (de 9.30-11.30) e estará dividida en 2 partes, unha primeira sobre Oportunidades e riscos da era dixital, e unha segunda sobre ciberseguridade, noticias falsas e o conflito entre as novas tecnoloxías e a democracia. O alumnado poderá formular reivindicacións e comentarios a través do chat e do vídeo en directo, e tamén coa aplicación Interactio.