Skip to main content
BurelaComarca AMARIÑAXACultura AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

Redeiras Cabo Burela: “Síntome orgullosa de que o Porto de Burela conte cun colectivo de redeiras”

Por 4 Abril, 2022Decembro 18th, 2023Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

As Redeiras Cabo Burela son o exemplo da importancia do traballo colaborativo e a xeración de sinerxias. Falamos conMaría Jesús Alonso, presidenta da Asociación Redeiras Cabo Burela.

Como xurdiu Redeiras de Cabo Burela?

Xurdeu no ano 2009 a raíz dun curso onde coincidimos distintas mulleres que traballabamos as redes nas nosas casas, que decidimos xuntarnos e crear a Asociación de Redeiras Cabo Burela.

Cantos membros son?

Cando se formou a asociación éramos 15 redeiras, das cales 10 viñemos para a nave na que traballamos actualmente e as outras 5, decidiron ficar confeccionando nas súas casas. A día de hoxe a asociación conta con 8 redeiras.

Fan actividades formativas? Que tipo?

As actividades formativas que realiza asociación son os cursos de formación que esixe a Xunta para poder acceder ó certificado de profesionalidade e poder traballar legalmente como redeira. Neses cursos ensínanse os distintos tipos de artes: arrastre, cerco, artes menores e palangre.

Como é un día de traballo?

O traballo da redeira está condicionado á cantidade de demanda. O horario habitual é de 8.00 a 13.00 horas e de 15.00 a 20.00 horas.

O noso horario é flexible, pois hai quen opta por unha xornada continua, de 7.00 a 14.00 horas. Como traballamos todos os tipos de artes procuramos distribuir o traballo de maneira que poidamos armar a maior cantidade de aparello posible. Agora mesmo a nosa maior carga de traballo son as volantas, os miños e o cerco.

Que utensilios usan?

Os utensilios das redeiras son moi simples; aparte das redes, unha redeira só necesita: agullas, tesoiras, unha navalla e unhas tenazas.

Canto tarda en confeccionar unha rede? canto miden?

O tempo que leva confeccionar unha rede é relativo porque depende do tipo de arte. No caso de aparellos de artes menores o tempo que se tarda pode ir desde 3 horas que leva armar unha volanta, ata 6h que leva confeccionar un miño. No caso de aparellos máis voluminosos, como poden ser os do cerco ou arrastre, a súa confección pode levar entre mes e medio e dous meses. As volantas, as volantillas, os miños, etc. son aparellos que miden 50 metros de lonxitude porque é a medida reglamentaria das cordas, o alto pode variar. No caso do cerco os aparellos poden medir desde 400 a 800 metros ou máis, dependendo do tamaño da embarcación.

Hai moita desigualdade entre mulleres e homes no sector?

Nós consideramos que hai unha desigualdade económica. Un redeiro ten un salario e a redeira cobra polo traballo que faga, se ben é certo que no ámbito laboral non consideramos que haxa desigualdades.

Que necesidades teñen na asociación?

A única necesidade que temos na asociación é máis persoal. Como colectivo levamos reclamando o recoñecemento de enfermidades profesionais, o coeficiente reductor e o relevo xeracional.

Que respaldo teñen das administracións?

Pouco ou ningún.

De que logros, dos conseguidos, se sinten máis orgullosas?

Eu, como presidenta desta asociación, do que máis orgullosa me sinto é de que fósemos capaces de xuntármonos para traballar xuntas directamente para as embarcacións sen ningún tipo de intermediario, e que o Porto de Burela conte cun colectivo de redeiras, as Redeiras Cabo Burela.

Afectou a pandemia ao seu sector?

O sector pesqueiro foi un dos que non deixou de traballar durante a pandemia, para que nos supermercados seguise habendo peixe. No noso caso, as embarcacións para as que traballamos tampouco pararon, polo que nós seguimos traballando tamén. Así e todo, neste caso a Administración si que puxo á nosa disposición axudas de cese temporal para todas aquelas redeiras que quixesen solicitalas e acollerse a elas.