Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Altri non instalará na Mariña a súa biofábrica de produción de fibras naturais

Por 26 Abril, 2022Abril 28th, 2022Sin comentarios

A empresa portuguesa Altri comunicou hoxe que a localización ideal para a biofábrica de produción de fibras naturais será finalmente no Concello de Palas de Rei, na Comarca da Ulloa.

A elección deste emprazamento, estratexicamente situado no centro xeográfico de Galicia e que podería supoñer un novo dinamismo económico, seguiu estritos criterios técnicos, a saber, ambientais, hídricos, de proximidade ao bosque e de acceso a vías de comunicación.

A pesar de que os deputados, alcaldes e a Mancomunidade de Concellos da Mariña instaron ao goberno galego a que propiciaran que a empresa de fibras téxtiles se instalara na comarca da Mariña, os responsables da factoría portuguesa decidiron escoller o centro da provincia para o seu novo emprazamento.

A biofábrica, que se construiría desde cero en colaboración con Impulsa Galicia, un consorcio público-privado de dereito español, ocuparía case 500 hectáreas, tendo Altri xa garantido o acceso aos terreos necesarios para a súa posta en marcha. Ademais xerará 1.500 postos de traballo directos e outros miles de indirectos.

Esta unidade estaría equipada coas mellores tecnoloxías e espérase que teña capacidade para producir ao redor de 200.000 toneladas anuais de fibras téxtiles de base celulósica, comezando inicialmente coa produción de aproximadamente 60.000 toneladas de lyocell.

Esta biounidad industrial sería capaz de abastecer á agrupación industrial téxtil do Noroeste da Península Ibérica, contribuíndo ao fortalecemento da economía circular e á descarbonización dun importante sector económico como é o téxtil.

Este proxecto, que podería alcanzar un investimento duns 750 millóns de euros, enmárcase naturalmente no programa Next Generation EU e o Plan Nacional de Recuperación e Resiliencia de España, no contexto do Proxecto de Xestión Sostible dos Bosques Galegos.

MANCOMUNIDADE DE CONCELLOS DA MARIÑA LUCENSE

O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, considera que a Xunta de Galicia despreza á Mariña coa ubicación de Altri. Manifestou que “estamos profundamente indignados. Nin sequera escoitarnos, non se dignaron a escoitarnos. En tres ocasións solicitamos unha reunión con Francisco Conde, con Alberto Núñez Feijoo e coa xerente do consorcio Impulsa Galicia desde o 18 de novembro do ano 2021 e ninguén se quixo reunir cos representantes da Mariña”.

O presidente da Mancomunidade pide explicacións: “que nos expliquen a todas e todos os mariñaos por que se instala unha fábrica para procesar celulosa de eucalipto nun concello lonxe dos eucaliptos. Que nos expliquen por que se lle dan as costas a unha comarca cunha grave crise industrial. Que expliquen aos mariñaos por que despois de todas as fotos que sacou Feijoo en Alcoa agora que pode non quere aportar solucións á grave crise industrial da comarca. Por que ignora e bota ao lixo o mandato do Parlamento de Galicia. Por que se nos deixa unha vez máis de lado. Non vamos permitir nin unha mentira máis, isto é unha decisión política. Non se nos quixo recibir cando o único que pretendíamos os 16 concellos da Mancomunidade era facilitar os trámites e buscar a mellor ubicación, independentemente do concello. Que o expliquen. Que nos digan por que nos deixan abandonados, sen unha explicación, sen nin sequera recibirnos. Por que ese desprezo a toda unha comarca, por que ese absoluto e indignante silencio”.

O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, móstrase absolutamente indignado “polas falsidades da Xunta de Galicia no proceso de implantación de Altri  e o ninguneo e desprezo que se fixo aos concellos da comarca”

O alcalde de Foz e presidente da Mancomunidade da Mariña móstrase absolutamente indignado “polas falsidades da Xunta de Galicia no proceso de implantación de Altri e o ninguneo e desprezo que se fixo aos concellos da comarca. Din que é unha decisión empresarial cando foi precisamente a Xunta a que impuxo á empresa que se implantara na provincia de Lugo. Isto é un proceso teledirixido desde Santiago.  Ao Partido Popular non lle interesa a Mariña: nin autovía a Ferrol, nin área sanitaria, nin residencias de anciáns, nin nada. Nun Foro organizado en Ribadeo polo Progreso o pasado 23 de marzo silvicultores, sector de transformación e alcaldes de distintas cores coincidiamos en que A Mariña resultaba  a ubicación ideal para a implantación da factoría de Altri”.

E engadiu: “a Xunta decidiu outra cousa, unha decisión política e absoluta e completamente ilóxica. Cando nos vetan a unha reunión, na que queríamos que tamén estivera Altri, é que non din a verdade. O que di a verdade non ten nada que ocultar e traballa de forma leal por un proxecto. A Xunta é todo o contrario: ocultismo e propaganda”.