Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

O peixe e a saúde mental foron os protagonistas das xornadas de Expomar

Por 29 Abril, 2022Abril 30th, 2022Sin comentarios

O programa de nutrición e saúde mental “Mens Sana in Corpore  Sano”, da Fundación Expomar viviu este xoves 28 de abril a súa xornada principal, cunha charla informativa sobre nutrición e unha  mesa redonda sobre a saúde mental na Mariña. 

A presentación destas xornadas tivo lugar xa pola mañá na unidade residencial da  Asociación Saúde Mental A Mariña, en Cervo, coa interveción do alcalde do Concello de Cervo, Alfonso Villares, e o presidente da Fundación Expomar, Alfredo  Llano, e a presenza de representantes do GALP A Mariña Ortegal.

A continuación celebrouse a primeira das tres degustacións de peixe dirixidas  especialmente aos usuarios deste mesmo centro e mais do centro de día da  Fundación Eu Son en Burela. Nesta ocasión degustaron diferentes receitas  elaboradas con pescada do pincho de Burela, anque a Fundación Expomar seguirá  promocionando o consumo de peixe nas dúas vindeiras semanas coa sendas  degustacións de bonito de Burela e polbo da Mariña.

Os principais actos destas xornadas celebráronse pola tarde na Casa de la Cultura  de Burela coa conferencia “Como alimentar o noso cerebro para mantelo xove”, a cargo do neurólogo Miquel Aguilar Barberá, e unha mesa redonda sobre “A Saúde  Mental na Mariña”, moderada polo nefrólogo do Hospital da Mariña Secundino  Cigarrán e con representantes das principais asociacións da contorna: a Asociación  Saúde Mental A Mariña, a Fundación Eu Son e a Asociación de Familiares de  Enfermos de Alzheimer e outras Enfermidades Neurodexenerativas de Burela.

A xornada da tarde abriuse coas intervencións da directora xeral de Pesca,  Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar da Xunta de Galicia,  Mercedes Rodríguez Moreda, e o presidente da Fundación Expomar e alcalde de  Burela, Alfredo Llano.

Na súa conferencia, o doutor Miquel Aguilar Barberá, neurólogo de Àptima Hospital  Universiatio Mutua de Terrasa, explicou as 12 claves para alimentar adecuadamente  o noso cerebro e o noso corpo en todos os seus aspectos: «para cumprilo  necesítase unha alimentación adecuada, exercicio físico regular e gozar das  pequenas cousas do día a día, evitando todo aquilo que nos prexudica».

Para este doutor e profesor catalán, «o obxectivo é acadar máis anos de vida de  calidade: unha vida plena e un envellecemento saudable. Non é unha quimera  alcanzar os 100 anos en boas condicións e mesmo superar o límite dos 117 anos».

O acto pechouse con unha mesa redonda na que, ademais dos doutores Miquel  Aguilar Barberá e Secundino Cigarrán, participaron representantes das principais asociacións da contorna para facer unha presentación das súas entidades e reflexionar sobre a situación da “Saúde Mental na Mariña Lucense”.

María José Novoa, directora técnica xerente de “A Mariña Saúde Mental”, defende  que «a sociedade ten que ser máis consciente da importancia de coidar a saúde  mental e para iso debemos poñer o foco tamén nunha alimentación saudable. Nos  nosos centros facémolo a través dos programas de educación para a saúde, como “Coidando de min” ou “Velando pola miña saúde integral”, motivando o consumo de  produtos saudables e do noso mar».

Gema Fernández Rey, psicóloga “AFAN Burela”, indica que «a prevención das  demencias comeza por manter uns hábitos de vida saudables ao longo de todo o  ciclo vital. Por iso, desde AFAN Burela temos como obxectivo a curto prazo  implantar programas especializados de prevención e detección precoz destas  doenzas dentro do noso ámbito de actuación, para o que precisamos que as  entidades locais da Mariña central e oriental nos brinden a súa colaboración»

Pola súa parte, Pablo Martínez, técnico da “Fundación Eu Son”, asegura que «cando  a mellora do benestar persoal está nos nosos hábitos e costumes, a prevención  depende de nós».

Como principal conclusión deste evento, tódolos profesionais coincidiron en que  unha rápida prevención é a mellor solución para gañar tempo ao noso deterioro  cognitivo, pasando por cuidar uns hábitos saudables de vida. Estas xornadas serven  tamén para confirmar a decidida aposta da Fundación Expomar non só pola defensa  do sector pesqueiro, senón polas iniciativas de carácter social e da saúde.

As Xornadas de Nutrición & Saúde Mental “Mens Sana in Corpore Sano” están  promovidas pola Fundación EXPOMAR e financiadas polo GALP A Mariña Ortegal,  contando tamén coa colaboración do Concello de Burela e das asociacións Saúde  Mental A Mariña, AFAN Burela e Fundación Eu Son.