Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

A campaña de Amor ao Mar da OPP Burela foi premiada nos Best!NFood

Por 10 Abril, 2022Sin comentarios

Os Best!NFood, antigos Best Awards, son os únicos premios de márketing  alimentario que se conceden en España e son convocados anualmente polas  revistas IPMARK e DARetail e por Best Awards, da man da feira Alimentaria. 

O xurado dos premios da publicidade alimentaria, integrado por 30  profesionais de primeiras marcas e axencias, concedeu á campaña “Amor al Mar” o bronce na categoría Best Brand Experience pola estratexia na que  PESCADA D& BURELA levou ás aulas universitarias de Madrid con  mensaxes en máis de 250 lousas, creando un novo soporte para chegar a un  público moi concreto: os mozos. 

Un audiovisual para dixital cunha versión actualizada do mítico tema do grupo  Camela, “Cuando zarpa el amor”, e unha coreografía para TikTok da man de Paula@blondiemuser completaron esta acción recoñecida polos membros do  xurado. 

Este premio é o recoñecemento non só a unha acción concreta levada a cabo  durante o ano 2021, senón tamén á traxectoria de comunicación lanzada  desde a OPP-7 Burela para potenciar a marca “MERLUZA D& BURELA”  situando a súa imaxe á altura do seu posicionamento real: Burela é a primeira  lonxa de España en venda de pescada do pincho. 

Ademais, esta de Merluza D& Burela é a única campaña premiada vinculada  ao sector pesqueiro, na que se fomentan os valores de sustentabilidade  (pescada do pincho, capturada unha a unha) e, sobre todo, o “Amor ao Mar” e o “Eu Como Peixe”. Compartindo escenario coa do porto de Burela  destacaban outras grandes marcas anunciantes, como Coca-Cola e Johnnie  Walker (pratas) ou Baileys e Domino´s Pizza (ouros). 

Para o xerente da OPP-7, Sergio López, é “unha honra gozar destes premios  desde unha entidade tan pequena como nós á beira de grandes  multinacionais da alimentación e empresas do nivel dos outros finalistas.  Ademais, o Brand Experience representa unha experiencia moito máis  completa que unha simple campaña e valórase a conexión coas nosas  audiencias a través da sustentabilidade, innovación, calidade e creatividade”.  

A campaña foi desenvolta pola axencia galega BAP&Conde: “Estamos moi  satisfeitos, trátase, ademais, dun premio que concede o sector da  alimentación, o que para nós supón un dobre recoñecemento. En publicidade  sempre é un agasallo promocionar produtos como Merluza D& Burela: bos e  saudables. A campaña colouse nas aulas de universidades madrileñas para  arrincar experiencias e desde o punto de vista creativo deunos moitas  satisfaccións”. 

A campaña da Organización de Produtores Pesqueiros Porto de Burela  inclúese no seu plan de produción e comercialización, realízase en  colaboración con Armadores de Burela e está cofinanciada pola Xunta de  Galicia e o FEMP. 

Na edición de 2022, o palmarés está formado por 53 premios que foron  entregados o pasado martes nunha gala no hotel Hyatt Regency Barcelona  Tower, onde esta campaña de Merluza D& Burela foi recoñecida entre as  mellores campañas do sector da alimentación en España.