Skip to main content
Barreiros

O PP de Barreiros urxe ao goberno local a elaborar un plan de rebacheo das estradas

Por 29 Abril, 2022Sin comentarios

O Grupo Municipal Popular de Barreiros demanda un plan de rebacheo das pistas municipais. Os populares advirten do mal estado no que se atopan algunhas vías que comunican distintos lugares do municipio e urxen ao goberno local a xestionar o necesario arranxo “para dotar aos veciños de Barreiros dunhas estradas en condicións dignas”.

O portavoz, José Manuel Gómez Puente, pon como exemplos “o mal estado das rúas Sarxéndrez e Fieiro, da parroquia de San Pedro de Benquerencia, que se atopan nunhas condicións pésimas”.

“As fochancas que presentan estas estradas dificultan o acceso dos veciños ás súas vivendas e supón un risco para os vehículos que transiten polo lugar”, explica o portavoz que subliña que “só se trata duns exemplos do penoso estado das estradas do Concello noutros puntos”.

Os populares urxen, polo tanto, ao goberno local do BNG a elaborar un plan para reparar as pistas que son competencia municipal que recolla as distintas prioridades “atendendo ao grao de deterioro de cada unha delas e que, polo tanto, permita determinar cales son aquelas que precisan unha reparación con maior urxencia”.