Skip to main content
Burela

As Alumnas homenaxea a figura de María Barbeito, en Burela

Por 1 Abril, 2022Abril 11th, 2022Sin comentarios

A nova obra de Culturactiva Producións homenaxea a figura de María Barbeito, mestra durante a II República, a obra será As Alumnas.

A representación terá lugar ás 20 horas no auditorio da casa da cultura de Burela. As entradas mercaranse a partir das 19:30 horas na taquilla do Auditorio (3 euros).

A educación, peza fundamental no desenvolvemento e na liberdade das persoas, especialmente das mulleres, é o eixo fundamental desta nova peza de Culturactiva Producións que se chegará a Burela o vindeiro sábado 2 de abril.

Anabell Gago e Mónica Camaño, dirixidas por Fina Calleja e con texto de Paula Carballeira, métense na pel de dúas antigas alumnas de María Barbeito que volven atoparse trala morte da mestra, en 1970. Atrás queda a infancia e o mundo que lles abriu esa profesora antes de que o Comité de Depuración a afastase do seu traballo na escola. Son as dúas únicas alumnas que lle escribiron cartas contándolle o que foi das súas vidas. A través desa correspondencia, o público descubrirá como as decisións marcan o destino de cadaquén, e o medo, e a rebeldía.

“As Alumnas é un espectáculo sobre xustiza social, memoria histórica e sobre as mulleres como María Barbeito, que loitaron pola educación e a igualdade en Galicia. Esta obra é unha forma de devolverlles un pouco de todo o que nos deron”, afirman dende Culturactiva Producións.

As Alumnas non é a primeira peza que afronta a memoria histórica, pero aporta un enfoque singular, poñendo o foco no legado de María Barbeito e comparando dous modelos educativos e de sociedade: a II República e o Franquismo. As dúas personaxes femininas protagonistas representan dous casos concretos de mulleres no marco histórico anterior e posterior á Guerra Civil. Xunto a elas o público sentirá nostalxia e impotencia, pero tamén esperanza ao revivir as transformacións sociais do momento.

A produción e posta en marcha do proxecto corre a cargo de Culturactiva Producións, o departamento de produción escénica da cooperativa de xestión cultural do mesmo nome que en 2020 celebrou o seu 20 aniversario e que produciu espectáculos como Rosalía, Conexión Pingüín ou Saaabor!

A representación desta obra conta coa axuda da Rede de Teatros e Auditorios de Galicia e da AGADIC,  e é unha aposta da Delegación Municipal de Cultura co Teatro Galego de Calidade .