Skip to main content
Burela

Burela: Xeorutas

Por 15 Abril, 2022Abril 16th, 2022Sin comentarios

Un paseo por unha das xoias da xeoloxía de Galicia trazada ao longo de todo o litoral en catro rutas diferenciadas.

Este Concello representa un lugar de interese xeolóxico a nivel internacional, xa que na súa contorna atópanse unha ampla variedade de rochas (cuarcitas, granitos, pegmatitas e conglomerados) e estruturas xeolóxicas (pregues e fallas), que nalgúns casos son moi singulares e excepcionais.

E para descubrir estes tesouros xeolóxicos propóñense varias rutas ao longo do litoral burelés. Na xeoruta da Marosa as rochas graníticas son sen dúbida algunha as protagonistas, un percorrido litoral que permitirá descubrir a orixe das pías, acanaladuras, tafonis, etc. unhas formas moi caprichosas xeneradas co paso dos anos. Do mesmo xeito observaranse as pegmatitas e aplitas, unhas rochas que en ocasións son portadoras de minerais semipreciosos e que mostran un aspecto moi chamativo. Os distintos elementos da costa granítica e a presenza de depósitos recentes completarán a visita.

A do Perdouro permite descubrir o conxunto de pregues mellor conservado de toda Galicia, unhas estruturas xeolóxicas de máis de 300 millóns de anos de antigüidade, e orixinadas por mor da Oroxenia Varisca, salientable acontecemento xeolóxico da Era Paleozoica. Así como os fermosos arcos rochosos do Perdouro, a rasa cantábrica, superficie achairada que comeza en Burela e se estende por boa parte do Cantábrico; ou o contacto co granito de San Cibrao na zona de Castrelo.

O paseo xeolóxico que chega ata a praia do Cantiño caracterízase por amosar inicialmente os materias da denominada Rasa Cantábrica, superficie de erosión continental de máis de 1 millón de anos. Na cal os conglomerados e as areas son as litoloxías máis salientables. Pola súa banda, nas inmediacións do Cantiño obsérvase o proceso de formación de furnas e arcos rochosos, así como a presenza dunha importante falla na veciña praia da Areoura, onde os materiais son totalmente diferentes.

A ruta xeolóxica Monte Castelo discorre integramente polo, o que permitirá gozar das súas espectaculares vistas panorámicas. Ao longo da visita chegarase ata O Buio, o teito de Burela, para coñecer a orixe destas montañas e da costa Cantábrica. A mina de caolín será outra das protagonistas neste percorrido xeolóxico, e é que este mineral foi no seu momento uno dos pilares económicos máis importantes de Burela.