Skip to main content
Cervo

A asociación de xubilados Terra-Mar de San Cibrao cumple 25 anos de historia

Por 30 Abril, 2022Maio 2nd, 2022Sin comentarios

O colectivo asociativo máis numero de San Cibrao quere festexar con todos os seus asociados e coa veciñanza en xeral o seu aniversario e prepara un xantar de confraternidade.

O ano 2021 cumpríase o 25 aniversario da fundación da asociación de xubilados Terra-Mar de San Ciprián, segundo certifica a súa acta de constitución, un acontecemento singular que non puideron conmemorar debido á pandemia, pero que agora pretenden celebrar como corresponde ás vodas de prata do principal colectivo asociativo da localidade.

O seu presidente, Jose Luis Sariego, explicou que como primeira actividade neste 25 aniversario acordaron organizar un xantar de confraternidade ao que poden sumarse todos os seus asociados pero que está tamén aberto á veciñanza en xeral. Será o domingo 15 de maio no restaurante O Noso Lar de San Cibrao, para o que xa teñen aberto o prazo de inscrición a través dos medios habituais (local social e redes de mensaxería).

“Non é fácil que unha asociación logre celebrar 25 anos de actividade ininterrompida e por iso queremos festexar esta efeméride dun modo moi especial, recuperando espazos en común e de confraternidade. A pandemia impediu que o fixésemos o ano pasado pero agora, que parece que a situación mellora algo, con prudencia, imos ir normalizando progresivamente a nosa actividade”, explica Sariego.

Jose Luis Sariego, presidente da Asociación de xubilados Terra Mar de San Cibrao

Ademais de ser un dos colectivos máis lonxevos, Terra-Mar é un referente no ámbito social, asociativo, cultural e lúdico da localidade, pois desenvolve unha multitude de actividades entre os que están torneos de xogos de naipes, as charlas informativas sobre sanidade e consumo, viaxes organizadas, bailes, inclúe unha coral musical e colabora co Concello de Cervo e con outras entidades e colectivos locais na organización de moi diversas actividades e festexos.

“É certo que os dous últimos anos moitas das nosas actividades sufriron un parón. Pois a maior parte dos nosos asociados somos xubilados, persoas con idade que debiamos ser prudentes no cumprimento da normativa para evitar contagios. Pero por iso quizá poder celebrar os 25 anos é para nós un dobre motivo de satisfacción. E a comida non será máis que o inicio doutros moitos actos que iremos facendo público nos próximos meses para conmemorar o noso aniversario”.

O 25 de febreiro do ano 1996 un grupo de xubilados “deste porto de San Cibrao” encabezados por Antonio López López tomaron a iniciativa de solicitar a cesión da sala de benestar da Casa do Mar ao director do ISM (na actualidade este local é de titularidade municipal) ao tempo que nomearon unha xestora da que formaban parte, xunto ao seu primeiro presidente, José Díaz Ponte, José Paleo Álvarez, Francisco Paleo Álvarez, Luisa Docampo Sarmiento, Manuela Fernández Díaz, Maruja Docampo Sarmiento, Nazario Suárez Vázquez, Antonio García Méndez, Mariluz Basanta Ben e Alberto Pillado Martínez. Un colectivo que nacía “sen fins políticos, nin lucrativos” e que 25 anos despois continúa amenizando e enriquecendo a actividade social da Península da Paz, agora con máis de 300 socios.