Skip to main content
Ribadeo

Alumnado ribadense participarán en actividades de educación afectivo-sexual

Por 21 Abril, 2022Sin comentarios

O alumnado de 6º de Primaria dos colexios Sagrado Corazón e Gregorio Sanz participarán os días 27 e 28 de abril en actividades de educación afectivo-sexual organizadas polo CIM e pola Concellaría de Igualdade.

Mariluz Álvarez Lastra explicou que “desde o CIM continuamos coa educación en igualdade por medio de diversas actividades. Desta volta seguimos cos talleres de educación sexual dirixidos ao alumnado dos Ceip Gregorio Sanz e Sagrado Corazón. Esta vez é a quenda para o alumando de 6º de Primaria con De bo rollo, os días 27 e 28 de abril”.

A edil de Igualdade dixo que “é unha actividade xeral sobre sexualidade, diversidade e xestión saudable das relacións. Ten como eixes transversais o autocoñecemento do corpo, a xestión das emocións, o bo trato e a autoestima. Busca a participación activa do alumnado estimulando a reflexión grupal, o debate, a formulación de preguntas e a busca de respostas conxunta para promover o pensamento crítico sobre a temática”.

A concelleira ribadense subliñou que “a finalidade destas actividades, que xa foron impartidas recentemente os días 7 e 9 de febreiro no CIFP Porta da Auga, o 8 e 9 de febreiro no IES de Ribadeo e do 14 ao 16 de febreiro no Colexio Sagrado Corazón, é traballar a comunicación asertiva, a posta de límites e a negociación para garantir as relación desexadas libres de coacción e violencias”.

Álvarez Lastra engadiu que “a actividade será impartida por persoal especializado que realiza proxectos de educación sexual e actividades divulgativas de sexoloxía para centros educativos, asociacións que traballan con usuarias con discapacidade, centros de información á muller, e colabora como persoal docente en formacións para profesionais sobre sexualidade e discapacidade. Damos as grazas ao Centro de Psicoloxía Sanitaria especializado en Sexoloxía Con mucho gusto pola súa colaboración”.