Skip to main content
Ribadeo

Capitán Galiza

Por 23 Abril, 2022Sin comentarios

Por Covadonga Suárez, presidenta da AAVV Por Nuestro Faro.

Temos un superheroe. Para que procuralo en Marvel ou en Hollywood, cando temos un que arrecende a costa verdecente?

O amor -como dixo Will Smith despois de arrearlle unha labazada ó presentador dos Oscar- faite facer toleadas. Iso explica que o amante da terra galega poda facer auténticas toleadas segundo sopre o vento nos rumorosos pinos. Sen deixar de amar de xeito tolo ó patrimonio e á natureza local, pode declarar na prensa que dálle igual que na illa Pancha poñan un bar ou un Zara, como pode afirmar sen poñerse vermello que o Defensor del Pueblo ó mellor é un incompetente por pedir respecto á lei Natura 2000, como non gurguta se na illa hai unha foxa séptica sen legalizar dende hai anos. Porque non saber como vai o das verteduras á la Ría también é amar a terra a tope.

Rei da transparencia nos seus momentos de ocio, retén e nega información á AAVV Por Nuestro Faro e ó pobo de Ribadeo sobre a illa Pancha dende fai, ao menos, 7 anos. Tamén se fai o preguizoso co  Defensor e o Valedor, que tiveron que chamalo á orde varias veces para que remitira a información solicitada por eles. Por suposto, temos a lista de todos eses correos, por se alguén puidera estar interesado. Quen queira tamén pode procurar na páxina web do Concello de Ribadeo e ver cantas veces se ten mentado a praia das Catedrais nestes últimos anos e comparar co número de veces que se informou sobre a illa Pancha.

Por iso, a nosa sorpresa foi maiúscula cando a pasada Semana Santa vimos publicado na web o resultado dun contencioso polo que tíñamos preguntado varias veces, sen éxito. A xulgar polo titular parece como se o Concello sempre tivera defendido o acceso á illa Pancha e rematara de ganar a batalla. «Informando», pode lerse tamén en facebook. Vaia expansión. E todo por ter ganado un contencioso derivado dunha denuncia da empresa concesionaria. Igual ata acaba cumpríndose a lei de rebote. 

En Por Nuestro Faro estamos moi contentos de que un tribunal teña recoñecido que a porta de Illa Pancha debe estar aberta. O que non sabemos é por que Capitán Galiza cos seus superpoderes non mandou nunca que se abrise a porta da illa, así, de xeito sinxelo, dado que a obriga de tela aberta ó público en xeral está nos papeis dende 2017. Por que espera a unha denuncia do promotor e a resolución do TSXG para sacar o tema. E por que segue sen mover un dedo.

Por suposto, o autobombo de quen nos pon tropezos de xeito máis acérrimo xa se ten estendido como a pólvora. Que grande es, Capitán Galiza, agora abanderado dunha causa que sempre te deu urticaria. Durante todo este tempo a illa Pancha foi usada como unha propiedade privada: montouse hotel e cafetería, e ábrese e pecha cando lle apetece ó hostaleiro en función do seu calendario de tempada. Ah, e sen presión de ningún tipo por non respectar as condicións da licenza de apertura.

E así segue a ser, a pesar do que digan xuíces, defensores, valedores, ecoloxistas en acción, e a AAVV Por Nuestro Faro.

Nós, aínda que non levemos capa, seguiremos adiante. Os tempos son chegados/ dos bardos das edades/ que as vosas vaguedades/ cumprido fin terán.