Skip to main content
Deportes AMARIÑAXAViveiro

1.200 corredores participaron na XI Camovi Gran Premio Xacobeo de Viveiro

Por 25 Abril, 2022Sin comentarios

O Concello de Viveiro celebra o éxito da Camovi 2022, que congregou esta pasada fin de semana a máis de 1.200 participantes e numeroso público nos montes polos que transcurriu a proba.

“Foi un éxito, houbo moita participación e moita xente en Viveiro, quero agradecer o gran traballo da organización e dos voluntarios e voluntarias, que estiveron toda a fin de semana axudando para que todo saíra ben”, manifestou a alcaldesa, María Loureiro. 

Nesta edición, a Camovi foi o Campionato de España de Carreiras por Montaña Individual e de Seleccións Autonómicas, dando desta maneira a proba un novo paso na súa proxección nacional, e incluiu unha emotiva homenaxe a Ramón Blanco.

“É moi satisfactorio ver como cada ano medra unha proba, a Camovi, que asegura que o respecto ás persoas, ao medio ambiente, a equidade, a axuda mutua e a solidariedade son o espíritu no que se basa a organización da mesma”, engadiu a alcaldesa.

En palabras de María Loureiro, “esta proba comezou sendo unha iniciativa entre amigos e agora xa é unha referencia internacional, cunha fantástica proba tamén para os nenos, a Camovi Kids”.

“A Camovi é ademais unha fantástica maneira de que milleiros de persoas coñezan a beleza dos nosos montes e da natureza que rodea Viveiro, uns paraxes únicos que os que participan na proba puideron disfrutar de primeira man”, rematou.