Skip to main content
Axenda Caducada

Chantada fai público o cartel da 39 Feira do viño que terá lugar en xuño

Por 11 Abril, 2022Xuño 5th, 2022Sin comentarios

O Concello de Chantada fixo público a través das súas redes sociais, o cartel da 39 edición da Feira do Viño. Esta celebración terá lugar os días 3, 4 e 5 de xuño na Praza de Galicia no formato habitual coas cubas-stands. Haberá limitacións segundo sexa a situación da covid nese momento.

Unha vez máis foi o artista local Lomarti o autor do cartel da Feira do Viño 2022. O frescor e o recendo do viño cando se cata, as cores da ribeira e os tipos de viño que fan as adegas de Chantada: mencías, godellos, rosados… están representados na obra do veciño Lomarti nun cartel diferente a outros que ten feito para unha das festas máis importantes.

Os adegueiros interesados en participar na celebración tiveron como prazo máximo para a súa inscrición ata o 1 de abril.

Tras dous anos de parón, pola pandemia, Chantada recupera a celebración desta data tan emblemática para a vila. Esta será a 39 edición da feira e os organizadores esperan poder recuperar a súa data habitual no ano 2023, sendo esta a segunda fin de semana de marzo.

Será nos próximos días cando o Concello e organizadores adiantes a través das súas redes sociais o programa da celebración e máis detalles sobre esta feira.

A Feira do viño foi a última gran celebración que tivo a vila antes do confinamento, no 2021 non se puido celebrar debido á situación sanitaria, e este ano faino no mes de xuño.

Esta celebración é a máis concorrida das feiras vinícolas da Ribeira Sacra e pode chegar a congregar entre 3.000 e 4.000 persoas entre veciños, visitantes e turistas. Con este volume de xente era complicado manter as medidas de seguridade no mes de marzo polo que se decidiu atrasar o festexo.