Skip to main content
Lugo

O Encontro Universitario de Danza da USC terá lugar no Vello Cárcere os días 21 e 22 de abril

Por 15 Abril, 2022Xuño 21st, 2023Sin comentarios

O Encontro Universitario de Danza da USC regresa ao Vello Cárcere de Lugo na súa vixésima edición coa presentación os próximos días 21 e 22 de abril de catro intervencións artísticas interpretadas polos integrantes das compañías Danza USC-Compostela e Danza USC-Lugo, ligadas ao Espazo de Danza da USC, que coordina Juan Carlos Zahera, e das formacións SanTango e D-ou-tras, do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.

A nova edición do Encontro Universitario de Danza, que recupera en 2022 a súa presenza no calendario da programación artística promovida ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, comezará o xoves 21, a partir das 21.00 horas, coa presentación da escenografía ‘Espertares’, con coreografía de Xiana Vilas, a cargo da compañía Danza USC-Compostela, que estará acompañada nesta actuación da agrupación Pandereteiras USC.

As creacións artísticas da compañía SanTango, liderada por Ezequiel Castillo e Chusa Pérez de Vallejo, darán continuidade o xoves ao programa deste festival. Ao seu remate, a formación Danza USC-Lugo, dirixida tamén por Juan Carlos Zahera, pechará a quenda de actuacións da xornada inaugural deste certame artístico con ‘Alumea’, unha escenografía que conta con coreografía de Rosa Acuña.

O programa do XX Encontro Universitario de Danza rematará o 22 de abril no Vello Cárcere de Lugo, tamén a partir das 21.00 horas, coa intervención da compañía do campus ourensán D-ou-tras, que presentará na xornada de clausura do Encontro Universitario de Danza de Lugo a obra ‘Maloserá’, con coreografía de Nuria Sotelo. De seguido, as compañías do Espazo de Danza da USC ofrecerán un novo pase das súas escenografías.

A entrada a todas as funcións programadas no marco do XX Encontro Universitario de Danza de Lugo é libre e de balde ata completar o aforo.