Skip to main content
Agro TERRACHÁXAComarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

As comunidades de montes piden o apoio aos concellos para a súa iniciativa lexislativa

Por 4 Abril, 2022Sin comentarios

A Organización Galega de Comunidade de Montes, ORGACCMM, solicita aos concellos galegos o seu apoio para preservar o monte comunal a traves dunha declaración institucional. A moción ten como finalidade visibilizar o amplo respaldo que a sociedade galega lle da a Iniciativa Lexislativa Popular prantexada pola ORGACCMM para impedir a enaxenación do monte comunal e manter a xestións en mans da veciñanza.

Esta iniciativa da Organización Galega de Comunidade de Montes ven motivada “pola presa que ten o Partido Popular para eliminar o carácter xermánico dos montes veciñais en man común como paso previo para proceder a súa privatización masiva”.

No Consello forestal celebrado o pasado mes de xaneiro, por iniciativa do conselleiro do medio rural, aprobouse o procedemento de participación cidadán que consistía na recollida de propostas das organizacións que conforman dito consello. A Consellería do Medio Rural comprometíase a elaborar con estas achegas un borrador que sería de novo debatido no Consello forestal. Unha vez debatido se exporía a consulta pública e entrada no Parlamento Galego.

“A pesar deste compromiso, o presidente da Xunta de Galiza e do Partido Popular, logo do consello da Xunta de Galiza do pasado dia 31 de marzo, anuncia que a futura lei de montes veciñais en man común será presentada no Parlamento Galego polo grupo do Partido Popular saltándose todo o proceso de participación sectorial e ninguneando á Organización Galega de Comunidade de Montes, asociación con maior representación dos montes veciñais”, din.

Engaden que “tan acuciados están pola mobilización social en defensa do monte comunal que está a despertar a ILP presentada pola ORGACCMM que non respectan nin tan sequera o procedemento de participación que a propia Conselleria aprobou e que xa era a mínima expresión do que require unha lei de montes veciñais en man común”.

Explican que o Partido Popular quere aprobar “pola vía rápida” unha lei de montes veciñais en man común porque esta “cumpre os peores pronósticos denunciados pola ORGACCMM. De aprobarse esta lei como pretende o Partido Popular abriríase a porta a expropiación ou enaxenación dos montes veciñais, xa que poderían perder a súa condición de comunal e intrasferible. A ORGACCMM alerta de que se ista lei se leva adiante, o expolio está servido: a industria madereira farase co monte veciñal e perderase a silvicutura sostible e o monte multifuncional que defenden e practican as comunidades de montes galegas”.

“Se de verdade o interese da Consellería do medio rural non fose privatizar os montes veciñais en man común, unha das modificacións da futura lei de montes veciñais en man común sería o recoñocemento dos montes veciñais como unha titularidade distinta e en pé de igualdade coas titularidades públicas e privadas. No canto diso queren que os montes veciñais perdan o seu caracter de propiedade xermánica e poidan ser expoliados pola industria madereira”, denuncia Xose Pereira, presidente da Organización Galega de comunidades de montes (ORGACCMM).

As comunidades de montes galegas chaman a moblización da veciñanza comuneira e da sociedade galega no seu conxunto para “frear este roubo dos montes veciñais en man común que pretende perpetrar o Partido Popular”. No ámbito desta mobilización sitúase a recollida de sinaturas para respaldar a Iniciativa Lexislativa Popular para que o Parlamento Galego aprobe “unha verdadeira lei de montes veciñais” que protexa a súa titularidade comunal e fomente o aproveitamento sostible e multifuncional que xestiona a veciñanza comuneira.