Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

O Goberno central destina preto de 14 millóns de euros para o desenvolvemento rural

Por 12 Abril, 2022Sin comentarios

A distribución entre as comunidades autónomas supón un investimento total de 158,21 millóns de euros e terá que ser referendada na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural.

O Consello de Ministros autorizou a repartición de 13.936.576,54 euros en Galicia para o financiamento do seu programa de desenvolvemento rural. “O Goberno demostra o seu compromiso con Galicia e cumpre co rural galego con estes fondos, que servirán para impulsar a actividade económica e fixar poboación á vez que se garante a explotación sostible dos recursos naturais”, valorou o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones.

Esta asignación está contemplada na distribución territorial de 158.210.005 euros entre as comunidades autónomas, para o financiamento dos programas de desenvolvemento rural, e someterase a consideración da Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural.

A repartición levouse a cabo en consonancia cos acordos da Administración Xeral do Estado e as comunidades autónomas para o financiamento dos programas de desenvolvemento rural do período 2014-2022, que resultan de aplicación ata o ano 2023, de acordo coa normativa europea que permite sumar tres exercicios á data de finalización do ciclo de referencia.

Con esta autorización, mantense o compromiso do Goberno de continuar co apoio financeiro para as medidas dos programas de desenvolvemento rural das comunidades autónomas.

Os programas de desenvolvemento rural contemplan medidas de apoio de diferente natureza, orientadas a mellorar a competitividade do sector agroalimentario, asegurar a xestión sostible dos recursos naturais e a acción fronte ao clima e a alcanzar un desenvolvemento territorial equilibrado das zonas rurais. Estas medidas fináncianse co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural ( FEADER) e as contribucións da Administración Xeral do Estado e das propias comunidades autónomas.