Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Volven as actividades de turismo deportivo Activate da Deputación

Por 23 Abril, 2022Sin comentarios

As persoas interesadas poden inscribirse dende hoxe mesmo en inscricions.deputacionlugo.org para as dúas primeiras actividades, que serán o 30 de abril en Ribas de Sil e o 1 de maio na Pontenova. Cada venres abriranse novas inscricións cunha semana de antelación, ata completar o calendario.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este venres a segunda edición do programa Actívate, unha iniciativa a través da que a institución provincial ofrecerá en 26 concellos da provincia durante as fins de semana de abril a xullo actividades gratuítas para todos os públicos vencelladas ao turismo deportivo e de aventura, como sendeirismo, surf, piragüismo, kaiak, vela, trekking, escalada ou equitación.

O mandatario provincial estivo acompañado durante o acto, celebrado no entorno do río Rato, pola Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e por alcaldes e alcaldesas de municipios que acollerán estas actividades.

“Esta iniciativa tivo unha gran acollida o ano pasado, na súa primeira edición, durante a que se acabaron as prazas rapidamente”, explicou o Presidente, e “estes bos resultados leváronnos a tomar a decisión de repetir o programa, pero, neste caso, máis amplo, porque pasamos de dous a tres meses de duración, e de organizalo en 18 concellos a facelo en 26”, explicou.

José Tomé Roca subliñou que a Deputación busca dous obxectivos importantes co programa Actívate. Por un lado, dixo, “seguir apoiando en colaboración cos concellos a actividade do sector turístico, a hostalería e o comercio, sectores que se están recuperando, pero que pasaron momentos moi difíciles pola pandemia”. Ao mesmo tempo, afirmou, “seguimos consolidando o modelo de turismo polo que se apostamos claramente. Un modelo de turismo sostible, de calidade e con capacidade para atraer xente durante todo o ano”, explicou. “Un turismo de experiencias que pon en valor o rico e diverso patrimonio natural e cultural co que contamos na nosa  provincia e que, deste xeito, aporta valor ao territorio, e axuda a manter e a xerar emprego, sobre todo no medio rural”, afirmou.

26 propostas en 26 concellos

A programación inclúe 26 actividades que se desenvolverán noutros tantos concellos de toda a provincia. Son todas propostas ao aire libre, en plena natureza, como por exemplo, sendeirismo, surf, piragüismo, kaiak, vela, trekking, escalada ou equitación. “Estas son só algunhas das alternativas, pero haberá moitas máis, que servirán para desfrutar do noso mar, da montaña, dos nosos sendeiros, dos monumentos e dos ríos dun xeito diferente”, subliñou o Presidente.

As persoas interesadas en participar nas dúas primeiras actividades, que terán lugar o 30 de abril e o 1 de maio, poden inscribirse dende hoxe mesmo na páxina web http://inscricions.deputacionlugo.org. Para máis información, poden enviar un correo electrónico a activate@deputacionlugo.org ou chamar ao teléfono 982.26.02.35. As inscricións ás seguintes actividades abriranse progresivamente todos os venres, cunha semana de antelación, ata completar o calendario.

Preto de 450 prazas

Cada unha das actividades ten unha capacidade limitada, pero a maioría será para entre 15 e 20 persoas. Polo tanto, no total do programa ofertaranse preto de 450 prazas. As actividades están pensadas para todo tipo de público, familias e xuventude. Para cada actividade en concreto especificarase cales son os requisitos mínimos en función da dificultade, idade máis axeitada ou indumentaria para poder sacar o máximo proveito a cada unha das propostas. En todas e cada unha das actividades haberá un guía ou monitor especializado encargado de dirixir e coordinar o grupo.

Actívate súmase a outras iniciativas que ten en marcha a Deputación de Lugo cos mesmos obxectivos de apoiar ó tecido produtivo vinculado ao turismo, á hostalería e ao comercio, e, ao mesmo tempo, favorecer un turismo de calidade e sostible. Detallou Tomé Roca que é o caso do programa  Coñece a túa Provincia, do que se beneficiarán unhas 3.000 persoas de 135 asociacións entre esta primavera e o outono; ou tamén o programa Saborea a túa Provincia, “unhas xornadas de lecer e gastronómicas que estamos preparando para o mes de agosto”, avanzou na presentación de Actívate.

O programa

As actividades levaranse a cabo os sábados e domingos dos meses de maio, xuño e xullo.

ABRIL

      – 30 de abril: Sendeirismo, en Ribas de Sil

MAIO

  • 1 de maio: Sendeirismo e espeleoloxía, na Pontenova
  • 7 de maio: Iniciación á escalada, en Baleira
  • 8 de maio: Agroturismo e introdución á apicultura, en Láncara
  • 14 de maio: BTT, en Guitiriz
  • 15 de maio: Tiro con arco, na Fonsagrada
  • 21 de maio: Iniciación á equitación, en Taboada
  • 22 de maio: Orientación, en Navia de Suarna
  • 28 de maio: Baños de Fragas, en Cervantes
  • 29 de maio: Iniciación ao paintball, na Pastoriza

XUÑO:

  • 4 de xuño: Cicloturismo histórico, en Castroverde
  • 5 de xuño: Xogos tradicionais, en Abadín
  • 18 de xuño: Snorkel, en Ribadeo
  • 19 de xuño: Camiñata, en Xermade
  • 25 de xuño: Iniciación á vela lixeira, en Foz
  • 26 de xuño: Sendeirismo de montaña e xeoloxía, en Antas de Ulla

XULLO:

  • 2 de xullo: Sendeirismo e botánica, en Portomarín
  • 3 de xullo: Paseos micolóxicas, en Pedrafita do Cebreiro
  • 9 de xullo: Piragüismo, en Lugo
  • 10 de xullo: Camiñata gastronómica, en Lourenzá
  • 16 de xullo: Surf, en Barreiros
  • 17 de xullo: Kaiak de mar, en Burela
  • 23 de xullo: Raid de aventura, en Viveiro
  • 24 de xullo: Trekking, en Monforte de Lemos
  • 30 de xullo: Clase dirixida combinada, en Ourol
  • 31 de xullo: Kaiak de río, en Cospeito e Outeiro de Rei