Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

36 bibliotecas da provincia reciben as achegas de dinamización da lectura

Por 24 Abril, 2022Sin comentarios

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución das axudas a entidades locais para programar actividades de dinamización da lectura nas bibliotecas e axencias de lectura de titularidade municipal, das que se benefician 36 concellos da provincia de Lugo. 

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explicou que as achegas van destinadas a desenvolver actividades incluídas no catálogo do programa Ler conta moito, que ofrece espectáculos variados para inculcar na cidadanía o gusto pola lectura dunha maneira lúdica e atraente.

Hai actividades específicas para nenos, mozos e para o público en xeral. A programación é moi diversas, desde contacontos, maxia, obradoiros creativos, narración oral, divulgación do coñecemento ou audiovisual na biblioteca ata actividades de dinamización con música, teatro e danza, entre outros.

Once das bibliotecas municipais beneficiarias son da Mariña (Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Lourenzá, Ourol, Ribadeo, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove); dez da Zona Sur (Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, O Saviñao, Sober e Taboada); sete da Terra Chá e Meira (Castro de Rei, Guitiriz, Meira, Muras, Riotorto, Vilalba e Xermade); catro da comarca de Sarria (Láncara, Paradela, O Páramo e Sarria); e tamén as de Lugo, Antas de Ulla, Monterroso e A Fonsagrada. 

Arias apuntou que a Xunta tamén acaba de publicar as axudas dirixidas a concellos e entidades sen ánimo de lucro para colaborar na mellora da organización dos seus arquivos, co fin de facilitarlles a descrición dos fondos documentais que custodian segundo a metodoloxía arquivística. Chantada, A Pastoriza, Cervantes, Samos e A Pontenova son os municipios lucenses beneficiarios desta edición, orientada a mellorar a xestión dos documentos que gardan os arquivos co obxectivo de facilitar a súa conservación e consulta pola cidadanía. 

 O delegado apuntou que entre as dúas ordes, de convocatoria anual, o departamento autonómico de Cultura achega preto de 60.000 euros para dinamizar e mellorar instalacións culturais municipais da provincia de Lugo.