Skip to main content
Antas de UllaPalas de Rei

O Castelo de Pambre acollerá a mostra ‘125 anos resoando no Corazón de Galicia’

Por 28 Abril, 2022Sin comentarios

A Deputación de Lugo abrirá este sábado no Castelo de Pambre, en Palas de Rei, a mostra 125 anos resoando no Corazón de Galicia, unha exposición sobre a historia da Banda de Música de Antas de Ulla promovida pola institución provincial con motivo do aniversario da agrupación e que xa estivo instalada na propia localidade ulloá.

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, inaugurará a mostra na Sala de Exposicións do Castelo nun acto que terá lugar ás 12.00h. A exposición, composta por sete monolitos e con acceso gratuíto, poderá visitarse ata o domingo 29 de maio de martes a domingo, en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.

Tras Antas de Ulla e Palas de Rei, esta actividade enmarcada no aniversario da Banda de Música ulloá, trasladarase a Monterroso no mes de xuño.

A Deputación financiou con 18.000€ a mostra 125 anos resoando no Corazón de Galicia, ademais de achegar outros 18.000€ para a celebración dos distintos actos conmemorativos da Banda de Música de Antas, entre eles, a edición dun libro e de dous vídeos que documentan o percorrido da formación.

A Banda de Música de Antas de Ulla fundouse en 1896 e mantivo de forma ininterrompida a súa actividade ata a Guerra Civil, cando se disolveu, retomándose o proxecto a principios dos anos 80. Trátase dunha das formacións máis antigas de Galicia e é unha embaixadora de primeiro nivel para a promoción da provincia de Lugo, que axuda a dinamizar o concello de Antas e pon en valor as tradicións e a cultura da provincia.