Skip to main content
Becerreá

Becerreá contará cun centro de transformación eléctrica para o Centro de Atención a Maiores

Por 22 Abril, 2022Sin comentarios

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou onte a licitación do contrato para a construción dun centro de transformación eléctrica e dun centro de seccionamento para o Centro de Atención a Maiores de Becerreá por 100.897,76€, “unha dotación que non estaba prevista no proxecto inicial da residencia, o que obrigou a elaborar e tramitar un procedemento específico, e que é imprescindible para a futura posta en marcha do servizo”, segundo explicou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto.

O centro de transformación e de seccionamento servirá para distribuír a enerxía eléctrica a tensións de diferente nivel, á vez que se facilita a conexión a liñas e redes eléctricas. Polo tanto, garantirá un correcto subministro eléctrico nas instalacións. O proxecto inclúe o acondicionamento dun local para acoller o centro, garantindo a súa seguridade. O prazo de execución é de un mes dende que comecen os traballos.

García Porto subliñou que este novo paso demostra que na Deputación de Lugo “traballamos constantemente para avanzar na execución e posta en marcha dos centros de atención a maiores e cumprir con todos os compromisos adquiridos pola institución en materia de residencias”.

A voceira socialista lembrou que a Deputación rematou a construción da estrutura do edificio que albergará o Centro de Atención a Maiores de Becerreá, unhas obras ás que destinou preto de 3,5M€ e que se desenvolveron nunha parcela de 1.200 metros cadrados. Agora ten en marcha este proceso de contratación do centro de transformación eléctrica para o inmoble, e logo procederá á dotación do equipamento necesario para o seu correcto funcionamento. En todo caso, a apertura da residencia está condicionada á obtención de todas as autorizacións e permisos necesarios, que dependen da comunidade autónoma.