Skip to main content
Castroverde

O PP de Castroverde recolle as queixas veciñais en relación cos sumidoiros da vila

Por 26 Abril, 2022Sin comentarios

“A vila de Castroverde reúne todos os requisitos para ser unha das máis atractivas da provincia de Lugo. Ten todo o necesario menos, como está demostrado, un alcalde coa sensibilidade suficiente para manter en bo estado os elementos que embelecen os núcleos urbanos” afirmaban dende o PP. “O socialista José María Arias, segundo parece, non é consciente da necesidade de mellorar aquelo que está mal, e que, para corrixilo, na maior parte dos casos, esixe máis vontade política que recursos”. Así o indica o portavoz popular, Rubén Otero, que sinala en que é precisa a intervención municipal.

“Se o alcalde escoitase aos veciños, sabería que hai queixas porque en moitas rúas hai sumidoiros que están atrancados e, cando chove, provocan moitas molestias”, sinala Otero. Engade: “Que este problema existe, pode comprobalo o alcalde cando queira, só ten que dar unha volta pola vila e fixarse. Se non o fixo ata agora, debe facelo, e se comprobou que existe o problema e non fixo nada para corrixilo, pois está clara a súa falta de interese polas cousas de Castroverde”.

Os populares, por outro lado, fanse eco das queixas veciñais polo sucias que están algunhas beirarrúas. “Os pavimentos, co tempo, van acumulando sucidade, moitas veces como resultado da actividade económica que se desenvolve no seu arredor. E o Concello ten que poñer os medios para facer a limpeza, da maneira adecuada en cada caso. E iso non se fai; por non facer non se fai debidamente nin o barrido das rúas, e así se ven nalgúns sitios papeis, plásticos e follas acumulados durante días”.

Otero tamén ve déficit na atención ás zonas axardinadas da vila. “Eu creo que con tan pouco xardíns como ten Castroverde, ben poderían estar debidamente coidados; pero é o mesmo de sempre: falta sensibilidade na xestión dos asuntos municipais por parte do alcalde, José María Arias (PSOE)”