Skip to main content
Cervantes

Aprobado o primeiro Plan Xeral de Ordenación Municipal de Cervantes

Por 23 Abril, 2022Sin comentarios

A Xunta aprobou onte, 22 de abril, o primeiro Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) de Cervantes, un instrumento que guiará o desenvolvemento urbanístico do municipio lucense durante os vindeiros 8 anos co fin de protexer os principais valores naturais, culturais, históricos e paisaxísticos que o definen.

Así o destacou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que estivo esta mañá no concello para asinar a orde de aprobación definitiva do novo planeamento municipal. En presenza do alcalde, Benigno Gómez, e acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, a responsable autonómica puxo en valor o traballo, o esforzo e a implicación de todas as persoas que contribuíron nos últimos anos a que o PXOM de Cervantes sexa hoxe unha realidade.

Neste sentido, subliñou que se trata dun fito importante para os 1.288 habitantes das 21 parroquias en que se divide este municipio pertencente á comarca dos Ancares, que se converte deste xeito no segundo da zona, xunto ao de Pedrafita do Cebreiro, en contar cun instrumento urbanístico adaptado ao marco normativo de referencia en Galicia.

Debido ás propias características do municipio, a conselleira explicou que o planeamento aprobado aposta por un modelo de ordenación que, sen renunciar á modernidade nin ás tendencias urbanísticas contemporáneas, preserve os elementos esenciais que o identifican e garanta, á vez, a explotación racional dos recursos tradicionais existentes, en especial, o seu patrimonio natural e cultural.

Por iso, Ángeles Vázquez fixo fincapé no fito que supón a aprobación deste PXOM para Cervantes, un municipio no que case o 98% da superficie está en Rede Natura 2000 e que conta cun patrimonio cultural, artístico e etnográfico marcado por elementos singulares como as pallozas e os hórreos teitados de colmo do conxunto histórico-artístico do Piornedo, que destacan tanto no ámbito peninsular como no europeo.

En concreto, lembrou que entre os valores naturais do concello a protexer destacan a Reserva de biosfera dos Ancares lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá —na que está integrada o municipio— ademais da Zona de especial conservación (ZEC) Ancares-Courel, da Zona de especial protección de aves (ZEPA) Ancares e de dúas zonas de especial protección dos valores naturais.

A extensión, importancia e peso que teñen as áreas naturais baixo algún tipo de protección do municipio quedan tamén reflectidos na cualificación urbanística do solo que se fai no plan xeral. Así, un 96,66% é solo rústico con protección de espazos naturais e un 1,05% do territorio queda definido como solo de núcleo rural, cunha capacidade residencial estimada para 451 novas vivendas.

Ademais, co fin de mellorar os servizos e a calidade de vida da veciñanza, o documento tamén reserva un total de 26.760 metros cadrados para espazos libres e zonas verdes e outros 12.189 metros cadrados destinados a equipamentos comunitarios.

Primeiro PXOM aprobado en Lugo en 2022
Tras enmarcar a aprobación do PXOM de Cervantes na aposta decidida da Xunta por lograr que non haxa ningún concello sen PXOM, Ángeles Vázquez lembrou que, nestes momentos, 113 municipios e 1 millón de galegos contan xa cun plan xeral totalmente acorde e adaptado á lexislación marco de referencia na Comunidade.

En concreto, indicou que 81 destes instrumentos foron aprobados polo actual Goberno galego, sendo o de Cervantes o sétimo ao que se lle deu luz verde no que vai de lexislatura —despois dos de Baños de Molgas, Rubiá, Portas, Ponteareas, Folgoso do Courel e Castrelo de Miño— e o primeiro que se aproba este ano na provincia de Lugo.

Estes datos, engadiu a conselleira, reflicten os froitos do esforzo do Goberno galego por traballar da man das administracións locais para impulsar un urbanismo responsable e por iso, avanzou que este ano o seu departamento seguirá mantendo esa mesma liña de colaboración, cunha partida de 3,2 millóns de euros reservada para axudar ás entidades locais coa redacción dos seus PXOM.