Skip to main content
O Corgo

Andrés Vilán impartirá un obradoiro de tambor galego o 24 de abril no Corgo

Por 14 Abril, 2022Abril 15th, 2022Sin comentarios

A Legua Dereita organiza un novo obradoiro de Tambor Galego o próximo 24 de abril no Corgo. As prazas son limitadas e pódese realizar a inscrición a través do correo a.cleguadereita@yahoo.com, ou no número de teléfono 659 779 462.

O curso será impartido por Andrés Vilán. O artista, nacido en Arcade (Soutomaior) en 1978, introdúcese na percusión tradicional galega, dun xeito fundamentalmente autodidacta, en 1988. Posteriormente continúa a súa formación en todo tipo de percusións (folk, flamenca, afrocubana, árabe, clásica…) e batería, coa asistencia a diferentes cursos e masterclasses.

Nos últimos anos realiza máis de catrocentos concertos nos principais eventos do folk mundial, como o Festival Intercéltico de Lorient, o Celtic Connections, o Festival de Ortigueira ou o Folk Dranouter.

É un dos percusionistas máis premiados nos últimos trinta anos en Galicia, onde acada sempre os primeiros premios nos principais concursos de música tradicional, como o Concurso Rexional de Gaitas de Ponteareas, o Memorial Ricardo Portela, o Memorial Manuel Villanueva, o Concurso de Música Tradicional Avelino Cachafeiro, o Concurso de Música Tradicional Ricardo Portela-O Gaiteiro de Viascón ou o Memorial Manuel Texo, e gaña o premio ao mellor percusionista en todos nos que existe esta categoría. Posteriormente participa como xurado en moitos destes concursos.

No ámbito docente leva preto de vinte e cinco anos exercendo como profesor de percusión en diferentes centros educativos, polos que pasan máis de setecentos alumnos.

É autor do Método de tambor galego, considerado pola crítica como a obra bibliográfica máis importante no seu campo, dentro da percusión tradicional galega. Actualmente traballa como músico freelance e imparte aulas de percusión en diversas escolas de Galicia e Portugal, así como diferentes obradoiros e masterclasses.

Andrés Vilán emprega exclusivamente percusión tradicional, caixas e stompboxes de Carlos do Viso e caixóns ErreA Percusión.

O obradoiro será de 10.30 a 19.00 horas e terá un custe de 25 euros para o alumnado de A Legua Dereita e de 40 euros para o público xeral.