Skip to main content
Lugo

As empresas interesadas na licitación do cubo VI da Muralla xa poden presentar as ofertas

Por 2 Abril, 2022Sin comentarios

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de licitar as obras de posta en valor da cloaca e outros elementos arqueolóxicos situados na contorna do cubo VI da Muralla de Lugo, ás que destina un orzamento de 72.300 euros.

As estruturas máis visibles son o pasadizo ou galería de forma rectangular que discorre perpendicular ao adarve atravesando o lenzo, e unha balsa rectangular ou piscina construída en paralelo ao monumento e unida a este por dous muros laterais, un deles con acceso de escaleiras.

A hipótese máis probable é que formaran parte dunhas instalacións máis amplas dedicadas á produción de curtidos. A análise dos morteiros determinou que hai elementos orixinais romanos e outros que pertencen ao segundo cuarto do século XVI. No proceso de escavación atopáronse entre os cascallos restos de coiros, cortizas de madeira e revestimento de alcatrán.

O túnel foi atopado durante as obras de rehabilitación do Cubo VI no ano 2016, e traballouse dende entón ampliando as escavacións arqueolóxicas e estudando o achado con miras a esta musealización. Tamén foi preciso recabar a colaboración do concello para modificar a rede de saneamento e liberar o acceso á embocadura do pasadizo.

Nesta nova fase vaise proceder á escavación dunha gabia en paralelo ao muro que acomete á Muralla ao norte da piscina e chega hasta os setos, e á escavación da parte superior do muro que flanquea a escaleira para determinar a configuración da mesma.

No que respecta ás actuacións para a posta en valor, para a galería interior colocaranse luminarias idénticas ás do peto do adarve e colocadas á mesma altura, e para iluminar a piscina utilizaranse as mesma luminarias que se colocaron como bañadores de parede nas escaleiras orixinais.

Haberá escaleiras para o acceso ás partes inferiores da piscina, e a galería poderá verse a través dun acristalamento con vidro laminar. Como medida de protección procederase a colocar unha varanda e completarase a exposición dos restos cun panel de aceiro inoxidable integrado na varanda.

As empresas interesadas en executar esta actuación teñen de prazo ata o día 19 de abril para presentar as súas ofertas.

Unha industria principal

A redacción do proxecto encargado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade correu a cargo do arquitecto Ignacio López de Rego, contando coa participación de Celso Rodríguez Cao no relativo aos traballos arqueolóxicos.

O proxecto contextualiza os achados, explicando que os curtidores agrupábanse no Burgo Vello de Lugo, en torno ao macelo ou matadoiro e A Tinería, onde estaban as tinas ou pilos de curtir, estando a súa casa gremial situada na Rúa Nova. Esta artesanía de curtidos -xa implantada na idade media- de peles de vacún e caprino, era a industria máis importante tanto polo seu número de artesáns como polo seu valor económico.

As análises da argamasa de cal tomados no pasadizo o cloaca, que podería ter a funcionalidade de retirada da auga, tamén dan unha datación de época romana e medieval. Esta actividade artesanal no século XVIII representaba na cidade o 12,7%, mantendo un mercado importante con Castela e poboacións galegas como A Coruña, Ferrol ou Tui.