Skip to main content
Lugo

A Xunta formará a 150 traballadores a través de 10 cursos relacionados coa reparación de automóbiles

Por 3 Abril, 2022Sin comentarios

A Consellería de Emprego e Igualdade financia 10 cursos promovidos pola Asociación Provincial de Reparación e Venda de Automóbiles e Recambios (Aprevar), que preside Luís Abelleira, para formar a 150 traballadores desempregados en especialidades do sector.

Así, no marco do Plan galego de formación para o período 2021-2022, Aprevar vén de comezar un curso sobre Operacións auxiliares de mantemento de carrocerías de vehículos, e este luns, 4 de abril, dará inicio a outros dous, o primeiro sobre Planificación e control da área de carrocería e o segundo sobre a área de electromecánica. O día 18 está previsto que se poñan en marcha dous máis: sobre sistemas de transmisión de forza e trens de rodaxe de vehículos e sobre estruturas de carrocerías. Ademais, hai outras cinco actividades formativas en marcha ou xa finalizadas.

O papel que xogan as organizacións e,presariais é moi importante na oferta formativa xa que coñecen as necesidades do sector e polo tanto programan cursos axustados á demanda do mercado laboral.

Neste sentido, tamén programan actividades en Lugo organizacións como a Fundación Laboral da Construción (14 cursos) e mesmo empresas concretas do ámbito da enxeñería ou da atención sociosanitaria, entre outros.

En total, a programación suma 162 cursos na provincia -dos cales preto de medio centenar xa están finalizados- e ofrece a 2.430 persoas desempregadas a oportunidade de formarse en novas especialidades con boas perspectivas de empregabilidade. Supón un investimento de 7,3 millóns de euros.

Tamén participan na iniciativa concellos, academias e diversas entidades do eido sociosanitario e asistencial, como a Cruz Vermella ou a Asociación de Familiares e Enfermos de Alzheimer de Lugo.

Certificado de profesionalidade
Os cursos van dirixidos prioritariamente a persoas desempregadas, aínda que se admite a participación de ata un 30% de persoas traballadores ocupadas, sempre e cando non se cubran as prazas ofertadas para desempregados. Unha vez finalizados, darán acceso a un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

Os alumnos e alumnas poden acceder a estes cursos a través das oficinas de emprego ou da páxina web emprego.xunta.gal, e teñen a posibilidade de elixir a actividade independentemente do lugar de residencia