Skip to main content
Lugo

Entrevista Ana Valín López: “O tríatlon agora mesmo é un deporte en auxe”

Por 24 Abril, 2022Sin comentarios

O tríatlon é un deporte que implica a realización de tres disciplinas deportivas, natación ciclismo e carreira a pe. Realízanse en orde e sen interrupción entre unha proba e a seguinte. Na cidade amurallada o equipo que practica este deporte é Tríatlon Cidade de Lugo.

Falamos con Ana Valín López secretaria do equipo e coordinadora dos equipos élite.

Como naceu o club?
O equipo fundouse no ano 1988, o mesmo ano no que se disputa a primeira proba de tríatlon en Galicia e recentemente chegado o tríatlon ao panorama nacional. Sendo o primeiro equipo federado de tríatlon de Lugo e un dos máis antigos de España.

Como sobrevive un club destas características?
Con moito esforzo e traballo de todos os membros da directiva e traballadores, así como coa ilusión e dedicación dos nosos deportistas que son os que nos motivan a seguir loitando por eles.

Que deportes ofrece?
Somos un equipo de tríatlon, polo que os nosos tres deportes son a natación, ciclismo e carreira a pé e a súa combinación no tríatlon e as súas diferentes modalidades e distancias (dúatlon, acuatlón, longa e media distancia…)

Para que idades son as actividades?
No noso equipo contamos con nenos e nenas desde os 5 anos ata con adultos de 70 anos. O tríatlon é un deporte que polas súas características pódese practicar en todas as idades.

Como se presenta esta tempada?
Diría que se presenta con bastante incerteza, cando parece que estamos a saír da pandemia e volvendo a unha situación normal atopámonos cunha crise enerxética na que, como todos os sectores, vémonos afectados. A nivel deportivo tentaremos pelexar polas ligas Nacionais outro ano máis, así como polos Campionatos de España. O noso obxectivo é seguirnos mantendo no máis alto do tríatlon nacional. Tamén, se a situación económica permítenolo, queremos volver pelexar no Campionato de Europa de clubs, ao que tivemos que renunciar o ano pasado.

Cales son os obxectivos a conseguir este ano?
O noso obxectivo principal é seguir manténdonos entre os clubs punteiros e de referencia do tríatlon nacional. Desde que existe o equipo, estivemos todos os anos entre os tres primeiros clubs do ranking nacional e levamos gañando a liga Nacional de Clubs de Tríatlon (na división máis alta) co equipo feminino seis anos consecutivos e en cinco deses anos fixemos dobrete gañando tamén a masculina. Así como estivemos presentes sempre nos podios dos diversos campionatos de España.

Afrontamos esta tempada como o fixemos con todas as anteriores, con moita ilusión e ganas. Cada vez estes resultados son máis difíciles de conseguir, así que nosa máxima é seguir loitando e pelexando para non ter que espertarnos deste soño

Cales son os valores fundamentais do club?
O traballo, o esforzo e o compañeirismo. Grazas a estes ingredientes puidemos conseguir todos os logros que levamos ata o momento, e con isto presente seguiremos loitando ano tras ano.

Que principios move aos deportistas?
Nós considerámonos unha gran familia, un grupo de amigos que nos xuntamos para competir. Iso é o que nos move a todos, o gran ambiente que se respira entre os deportistas, adestradores e membros do equipo.

Cando tes que ir competir facendo 2000 km, e compites sábado pola mañá, pola tarde e domingo, aglutinando 7 probas nunha fin de semana, o motor sempre son os propios compañeiros que están a loitar todos de xeito conxunto para lograr un obxectivo. Superar estas fins de semana tan duras só é posible se ademais disfrutas e convértese nunha fin de semana de competición con amigos.

Cal é o maior logro do club?
Non nos poderiamos quedar cun só logro, pero entre o máis destacable podemos mencionar:

  • Seis anos consecutivos gañando a liga Nacional de Tríatlon Feminina (desde que existe o formato). Cinco dos últimos seis anos equipo masculino campión da liga Nacional de Tríatlon.
  • Ser o único equipo en facer dobrete na Liga Nacional de Clubes de Triatlón.
  • Equipo campión de Europa junior e terceiro elite no 2017.
  • Incontables podios a nivel nacional desde que existe o equipo
  • Numerosos podios en categorías menores a nivel nacional e máis de 12 anos consecutivos equipo campión galego de triatlón de categorías menores.
  • Entrar na Real Orde do Mérito Deportivo.
  • Numerosas medallas dos nosos deportistas a nivel internacional e nacional, onde destaca a medalla de plata acadada por Javier Gómez Noya nos Xogos Olímpicos de Londres

Cal é o maior desafío ao que se enfrontou o club?
Ao longo da historia do equipo tivemos que enfrontarnos a varios momentos realmente complicados, pero o que máis, sen dúbida, foi o falecemento do anterior presidente.

Como está a afrontar a situación que xera a Covid 19? En que afectou?
Foi e está sendo unha situación moi complicada que nos puxo ao límite como sociedade en todos os aspectos. En canto aos equipos deportivos sufrimos moito, por unha banda, atopabámonos coa tempada recentemente iniciada e cortouse a preparación e progresión de todos os deportistas, tanto aos menores, como aos adultos e os deportistas de alto nivel, manterse en forma e motivado foi algo moi difícil. Especialmente cando volveu a actividade deportiva, atopámonos con moitas situacións de incerteza en canto ás competicións, non sabiamos cales se ían a cancelar e cales se mantiñan, cambiaron os formatos… En canto a resultados a tempada 2020 para nós foi moi boa, facendo dobrete e gañando as dúas Ligas de Tríatlon masculina e feminina, así como varios títulos de campións nos campionatos de España que puideron disputarse.

Na pasada tempada mellorou algo a situación, pero seguimos movéndonos coa incerteza, os cambios de formato, o medo para contaxiarse… Con todo, uns dos que máis sufriron a nivel deportivo foron as categorías menores, que viron suspendidas todas as súas competicións de 2020 e a penas tiveron probas en 2021. Con todo isto, manter a motivación e implicación dos nenos destas categorías fíxose moi duro.

Cantos deportistas ten na actualidade?
Agora mesmo contamos con 230 deportistas, pero ao longo da tempada este número irá crecendo un pouco máis

Que actividades realiza a maiores dos adestramentos e competicións?
Nós contamos cunha escola de menores con gran tradición que funciona todo o ano, ademais temos un grupo de adestramento de adultos e o equipo elite. Con todos asistimos a competicións de ámbito local, autonómico, nacional e internacional. Tamén facemos concentracións para preparar certas probas obxectivo, como a Copa do Rey e Raíña, o Cto de Europa de Clubs…

Con obxectivo de promocionar o deporte entre os máis pequenos todos os anos temos unha escola de verán que funciona os meses de xullo e agosto. Seguindo coa idea de promocionar o deporte, previo covid, faciamos varias xornadas de portas abertas, charlas e mesmo actividades en colexios, con todo, son actividades que houbo que suspender e que, aínda que é complicado estamos a desexar recuperar (as xornadas de portas abertas retomámolas xa este ano).

Todos os anos realizabamos unha cea fin de tempada para homenaxear a algún dos nosos deportistas, pero sobretodo para pechar unha tempada todos xuntos, coa situación do covid a última foi en 2019 para homenaxear ao noso deportista máis laureado, Javier Gómez Noya.

Hai moita rivalidade na cidade?
Somos un deporte minoritario con todo o que iso conleva. Con todo, a nosa filosofía sempre é facer o noso traballo ben, o mellor posible dentro das nosas posibilidades, sen fixarnos nin condicionarnos polo que fan os demais.

Existe demanda deste deporte?
O tríatlon agora mesmo é un deporte en auxe, as licenzas e participación están a crecer moito nos últimos anos, especialmente a nivel nacional. É un deporte que se pode practicar desde idade moi temperá ata idade lonxeva. É sinónimo de saúde, xa que engloba tres deportes nun o que supón un adestramento global do corpo e unha mellora notable da condición física.

Teñen pensado ampliar a oferta nas vindeiras tempadas?
Sempre estamos a pensar formas e maneiras de crecer e de promocionar unha vida saúdable ligada ao deporte a cantas máis persoas mellor, así que, se está dentro das nosas posibilidades, seguro que aumentaremos a actividade deportiva.