Skip to main content
Lugo

O alumnado do programa Tecer para integrar desfrutaron dunha xornada de formación a cargo de Idoia Cuesta

Por 5 Abril, 2022Abril 6th, 2022Sin comentarios

As alumnas do programa formativo Tecer para integrar, iniciáronse no mundo da cestería da man da artesá Idoia Cuesta. Esta actividade está impulsada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo desde o Centro de Artesanía e Deseño coa colaboración de FADAS.

A gañadora do Premio Galicia de Artesanía, recoñecida polas súas colaboracións con marcas de prestixio internacional como Adolfo Domínguez ou Loewe, impartiu unha das sesións desta formación en técnicas textís e moda sostible, que conta con quince alumnas. Cuesta compartiu coas participantes algunhas técnicas de cestería, aplicables tamén ao traballo co coiro ou con outros tecidos.

O deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro, que se achegou a esta sesión formativa, sinalou que “este contacto con profesionais que están na vangarda da artesanía e do deseño amplía a formación das alumnas e permítelles entrar en contacto co ámbito laboral no que poderán desenvolverse no futuro, cos coñecementos adquiridos durante estes meses”. Nesa liña indicou que “Tecer para integrar xurdiu precisamente coa vocación de xenerar oportunidades laborais a partir dos coñecementos e dos recursos cos que contamos no Centro de Artesanía e Deseño en relación cos oficios vinculados ao tecido”.

Ademais de recibir ensinanzas de Idoia Cuesta, desde o pasado mes de setembro cando se iniciou a formación, as alumnas de Tecer para integrar puideron aprender de artesás como Miriam Fernández Otero ou Cristina Díaz e deseñadoras como Tina Cortón, Sara Lage, Montse Arias e Karol Farias, nalgúns casos con visitas aos propios obradoiros e espazos de traballo.

Estas sesións complementan a formación que reciben desde o pasado mes de setembro, cando se puxo en marcha o proxecto, centradas na aprendizaxe de técnicas de patronaxe e confección de prendas de vestir. En total, sumarán 638 horas de formación que rematarán o vindeiro 10 de maio e nas que adquirarán os coñecementos e a cualificación técnica necesaria para desenvolverse profesionalmente no sector.

As quince persoas que participan no programa foron seleccionadas por FADAS, entre as súas usuarias, atendendo ás súas circunstancias persoais e sociais. A entidade encárgase tamén de facer o seguimento do programa e as accións necesarias para optimizar as oportunidades que ofrece ,tanto a nivel de formación no oficio, como de inclusión nos ámbitos educativos, socioculturais e laborais.