Skip to main content
Lugo

O Mitma mellorará as condicións de seguridade de catro túneles da A-6 en Lugo

Por 6 Abril, 2022Sin comentarios

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, resaltou hoxe a importancia da prevención para xestionar eficazmente calquera situación de emerxencia que poida producirse nas estradas e destacou a aposta do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que vai investir 8,4 millóns de euros na mellora das condicións de seguridade de catro túneles da A-6 na nosa provincia.

A subdelegada lembrou que as obras, adxudicadas polo Mitma no mes de marzo, levaranse a cabo nos túneles de Neira, San Pedro, Doncos e Cereixal. Esta actuación enmárcase nas previsións do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para mellorar as condicións de seguridade e vialidad da Rede de Estradas do Estado. A finalidade é adaptar os catro túneles á normativa sobre requisitos mínimos de seguridade para túneles da Rede de Estradas do Estado.

Isabel Rodríguez explicou que a prevención tamén obriga a ter adestramento para actuar coa maior eficacia en caso de sinistro. Con este obxectivo, celebrouse esta mañá unha reunión de coordinación, organizada pola Unidade de Estradas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, na que participaron os servizos de emerxencias das provincias de Lugo e León. Os asistentes efectuaron, tamén, unha visita técnica aos túneles de Pedrafita, Cereixal e Villafranca, para coñecer as súas instalacións e equipamentos.

Rodríguez, que felicitou á Unidade de Estradas do Mitma pola súa implicación e traballo para garantir a seguridade dos usuarios, explicou que se trata de facilitar a mellor preparación posible a todos os servizos que puideran ser necesarios para atender un hipotético sinistro dentro dalgún dos túneles existentes na A6 e na N6. De feito, previamente á reunión e á visita de hoxe, a Unidade de Estradas da provincia de Lugo tamén realizou, no mes de outubro pasado, un simulacro de accidente con posible incendio, que obrigaría á evacuación de feridos e usuarios, no túnel de Villafranca.

Na xuntanza técnica de coordinación, celebrada esta mañá no Centro de Control de Túneles de Pedrafita do Cebreiro, participaron, ademais da subdelegada do Goberno e a xefa da Unidade de Estradas, o alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo; mandos e responsables dos destacamentos de Tráfico da Garda Civil en Lugo e Ponferrada, dos servizos de Protección Civil das subdelegacións do Goberno nas dúas provincia, a base de Lugo do 061, os Bombeiros de Lugo, Sarria e Ponferrada, así como o Centro de Saúde de Villafranca.