Skip to main content
Deportes LUGOXALugo

Obxectivo cumprido para o Breogán

Por 7 Abril, 2022Sin comentarios

Por Adrián Fernández.

O Breogán conseguiu superar un mes de marzo moi duro con boa nota, e pese a que comezan a dar algún síntoma de cansazo acadaron o obxectivo de chegar ás 13 vitorias, número que máis ou menos críanse necesarias para a permanencia.

Volvía a competición despois do parón polas seleccións nacionais coa noticia da cesión por parte do Barcelona de Agustín Ubal, agardaba un mes con moitos partidos e moitos deles fora da casa, o primeiro en Badalona fronte o Joventut e dous días despois en Andorra. Tras xogala Copa o seguinte paso era conseguila permanencia o antes posible e así, se se pode, aspirar a algunha cousa máis; e para iso o equipo tiña que mellorar o seu xogo lonxe do Pazo. Os xogadores sabíano e foron a por todas, o primeiro perderíano na prórroga por 96-87, unha rotación máis longa por parte do Joventut fixo que chegaran con máis enerxía e levasen a vitoria; pero en Andorra foi distinto e cun gran Musa gañarían o partido por 79-86.

Coa moral alta recibíase o Bilbao na casa, pero esta vez saltaba a sorpresa e o Breogán perdía por 86-94, a baixa de última hora de Kalinoski facía moito dano ao equipo, non só polo que aporta en anotación, se non tamén polas facilidades que lle da aos compañeiros atraendo ás defensas rivais, o que demostra a importancia deste xogador pese a non acaparar tantas miradas por parte do público e os medios.

Marchabamos fora outra vez con mal corpo pola derrota e dispostos a esquecela pronto, e puidose notar nas ganas coas que saíron en Vitoria, moi enchufados ata o descanso, pero a segunda parte foi outra cousa e non puideron acadala vitoria, o final 89-84 e una sensación de esgotamento un pouco preocupante.

Sensación que quedaba patente tres días despois en Murcia, un encontro con certo aquel polo sucedido no Pazo na ida, no que o Breogán foi superado en todo momento polo físico dos xogadores do UCAM, non houbo moito partido e remataríamos con un contundente 91-72, malas noticias a tres días do gran derbi Galego.

Si, chegaba Obradoiro ao Pazo disposto a aproveitala situación, pero na casa as cousas son distintas, a afección tira do equipo sempre e aínda que o partido foi declarado día do clube e os aboados tiveron que pagar, algo que non sentou moi ben en parte da grada, o pavillón encheuse. Ambientazo coma sempre nestes partidos, moito ruido e expectación nun encontro intenso que puido caer de calquera lado, pero que ao final gañou o Breogán por 80-78, encontro soñado para Musa, 23 puntos coa canasta gañadora e o recibimento do MVP do mes de febreiro diante da afección.

Remataba marzo con mellor sabor de boca pero devolvendonos un pouco os pés a terra, algo que viña ven para afrontar un mes de abril decisivo que comezaba nin máis nin menos que enfrontándonos ante o Burgos de Paco Olmos. Partido de alta tensión, moitas gañas de vinganza na xente pola espantada do adestrador, asubíos e cánticos de todo tipo cando sonou o seu nome e algunha que outra vez chamárono peseteiro ao longo do encontro pero nada máis, o importante era a vitoria e conseguiuse por 105-96, moitísimos puntos no que ata catro xogadores do Breogán chegaron a 20 de valoración, Bell-Haynes con 29, posiblemente o mellor partido do base ata o momento, Musa 27, Mahalbasic 21 e Sakho 20, xogador o que hai que recoñecerlle unha melloría grandísima no seu xogo e rendemento.

Catro partidos máis neste mes, dous fora en Tenerife o 9 e ante o Real Madrid o 17,e dous na casa contra Manresa o 14 e Zaragoza o 23, chaves para ver qué posibilidades reais temos de loitar polo play off, soño polo que podemos loitar máis relaxados agora que temos a permanencia prácticamente feita.

Con esta situación cómoda o clube semella estar xa a planear a próxima tempada iniciando os contactos para a renovación de Mrsic como adestrador do equipo.

Por último, e fora do ámbito deportivo, rematar outra vez cunha mala noticia a do falecemento dunha persoa moi importante no mundo do baloncesto como era Javier Imbroda, descanse en paz.