Skip to main content
Lugo

Novo paso de peóns intelixente entre o parque Marcos Cela e o miradoiro de Volta da Viña

Por 7 Abril, 2022Sin comentarios

Comezan os traballos traballos impulsados polo Concello de Lugo no marco da estratexia de mellora da accesibilidade da cidade co fin de mellorar a comunicación entre o parque Marcos Cela co miradoiro de Volta da Viña. Farase mediante a instalación dun novo paso de peóns intelixente. Será o segundo paso lumínico, capaz de detectar a presenza de peóns, que se instale na cidade, logo do recentemente estreado na Rolda do Carme.

Este martes leváronse a cabo os primeiros traballos co extendido dunha capa de aglomerado para a execución do badén sobre o que se sinalizará o paso de cebra; posteriormente instalarase un novo cadro eléctrico na marxe dereita da calzada, en sentido descendente, no entorno do miradoiro; e, feito isto, procederase a colocar nova iluminación e balizas que mellorarán a seguridade tanto dos propios condutores, como dos péons e ciclistas –xa que pola zona transcorre a senda verde ciclista urbana–.

En efecto, o ámbito de actuación do proxecto conflúe coas obras da nova senda ciclista na rúa Santiago, actualmente en execución. Para conectar o miradoiro de Volta da Viña co parque Marcos Cela da forma máis segura posible exponse compartir un pequeno tramo do carril bici, alargando e reforzando a sinalización deste itinerario, para que tanto o ciclista como o peón poidan circular con normalidade.

O proxecto do carril bici prevía a colocación de separadores viarios ovalados, que serán substituídos no proxecto actual por bolardos convencionais para incrementar a súa visibilidade. Tamén se modifica a cor prevista neste ámbito para indicar a existencia dun tramo compartido co peón e diferencialo do resto do tramo.

Cómpre subliñar que na actualidade non existe ningún tipo de comunicación entre o miradoiro Volta da Viña e o parque Marcos Cela. Aínda que a distancia entre un e outro é de apenas dez metros, existe un desnivel importante que dificulta moito a conexión entre ambas as dotacións. Este desnivel está orixinado por un afloramento rochoso que tamén condicionou e limitou a sección de calzada nesta zona, de forma que existe beirarrúa unicamente no sentido de baixada, ao lado do miradoiro. “As características da zona obrigan a deseñar un tramo compartido entre bici e peón, ante a imposibilidade de executar unha beirarrúa a continuación do carril bici, sen producir un impacto paisaxístico e económico de envergadura”, explicou o edil.

Adecuación da rúa Santiago
Coa execución do carril bici, esta tiña unha velocidade de deseño de 50 km/ h será agora de 20 km/ h, e o carril de baixada compartirá calzada co carril bici, mentres que o de subida terá o carril bici independente, segundo o previsto no proxecto.

Por outra banda, a iluminación actual é unicamente a viaria, disposta só onde hai beirarrúa, e é insuficiente para cruzar en condicións de seguridade. Por iso se levará a cabo un reforzo da mesma mediante a disposición de luminarias activadas por sensores no propio paso e no tramo de acceso ao parque.

Aproveitarase o acceso ao parque existente na actualidade, mediante escaleiras de pedra, e comunicarase a través dun pequeno tramo do carril bici co miradoiro. Empregar o carril bici xorde, así mesmo, da necesidade de situar o paso de peóns no tramo recto da rúa Santiago, a unha distancia suficiente dos tramos en curva que garanta a seguridade do cruzamento.

Para efectuar o cruce peonil proxéctase a execución dun paso de peóns intelixente, isto é, con iluminación automática que se activa en canto o sensor detecta a presenza de peóns, aumentando a intensidade lumínica dun 30 a un 100%, o que provoca unha chamada de atención ao vehículo que se aproxima sobre a presenza dun peón que cruza. A mellora da iluminación compleméntase coa elevación do paso, que obriga aos condutores a reducir a velocidade.

Así mesmo para reforzar a seguridade do percorrido peonil compartido co carril bici que transcorrerá en paralelo coa vía de circulación de vehículos, intercalarase, entre os elementos de protección comúns (bolardos), ata o acceso ao parque Marcos Cela, unha iluminación acorde coa contorna, a fin de conseguir unha seguridade ambiental para a zona na que se sitúa e cuxa función será a guiado visual tanto para a circulación dos vehículos como de peóns

Toda a actuación forma parte da estratexia DUSI Muramiñae “Da Muralla ao Miño”, cofinanciada ao 80% pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Dentro dos obxectivos previstos na Estratexia DUSI, atópase a mellora da comunicación entre a trama urbana e o río Miño, no marco do cal se encadra o presente proxecto.