Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo responde ás declaracións feitas polo PP sobre a tramitación de licenzas

Por 7 Abril, 2022Sin comentarios

O Goberno local deu conta esta mañá da actividade desenvolvida pola área de Sostibilidade Urbana en canto a tramitación de expedientes. “Un balance obxectivo – destacou a alcaldesa, Lara Méndez – extraído dos informes facilitados polo persoal do propio departamento”, sinalou.

A rexedora explicou que, segundo os datos que obran nas bases municipais, dun total de 889 solicitudes de obra maior realizadas ata a data, neste momento se encontran en diferentes fases de tramitación, pendentes de resolver, 215 expedientes (o 24’18%), mentres que as 674 restantes xa están finalizadas. “É dicir, que esta concellería ten unha capacidade resolutiva do 76% sobre a tramitación de obra maior”.

Méndez apuntou tamén que deses 215 expedientes que se están a tramitar pero que aínda non finalizaron, correspóndense 2 deles ao ano 2019, 33 ao ano 2020, 111 ao 2021 e 69 ao 2022. “E referir tamén que entre o 80 e o 90% deses expedientes permanecen inconclusos porque presentan carencias documentais e os promotores deben facer subsanacións; a verdadeira causa que determina, na maioría dos casos, os tempos de resolución”.

“Trátase dun factor que non podemos esquecer, xa que cada expediente ten as súas propias dificultades engadidas que, no caso do rural, por exemplo (ao redor do 50% das 215 licenzas pendentes), están condicionadas ademais polas autorizacións sectoriais doutras Administracións que os promotores precisan tramitar e que teñen os seus propios prazos, de xeito que uns ralentizan outros”, apuntou.

A rexedora lembrou tamén que, “precisamente para evitar a reiteración das subsanacións e a dilatación dos prazos, o 12 de novembro entrou en vigor unha instrución ditada polo Coordinador de área que está a dar un impulso a toda esta tramitación, e marcando tempos de resposta tanto para a Administración como para o administrado en prol de ser máis dilixentes en beneficio do interés xeral”.

Estudo das licenzas abordadas en Xunta de Goberno durante os últimos 6 meses

E como exemplo referiu o estudo realizado á concesión de licenzas de obra maior que foron á Xunta de Goberno dende esa data, o 12 de novembro, e até mediados do pasado mes de marzo.

Un intervalo no que se abordaron, só a través de Xunta de Goberno, un total de 79 expedientes, dos que 27 foron en sentido negativo, a maioría deles logo de varios requirimentos, por deficiencias detectadas que non se corrixiran ou porque os promotores non contestaron e deixaron caducar o trámite de audiencia dado para proceder á subsanación documental.

Das 52 restantes, só 15 (o 28’84%) non precisaron incorporar documentos nin facer correccións. Resolvéronse nunha media de 3’2 mes.

Das outras 37 restantes, necesitaron dunha única subsanación un total de 17 expedientes. E neste caso, a resolución foi en 6’9 meses de prazo medio.

Para as outras 20 licenzas, que nalgúns casos precisaron até 8 achegas documentais, a media sí se dispara ata sobrepasar os 14 meses, pero non por unha cuestión achacable exclusivamente ao funcionamento da Administración senón pola burocracia que carrexa ter que estar solicitando e valorando nova documentación constantemente ou agardando pola incorporación de permisos sectoriais doutros organismos públicos, ou polo pago das liquidacións oportunas.

“Esa é a causa principal dos tempos dos que fala a oposición, causas que non entran a analizar pero que resultan determinantes para avaliar os motivos polos que algunhas licenzas tardan tanto en resolverse, lastrando así os prazos municipais”, clarificou Lara Méndez.

A alcaldesa lucense recordou, asemade, que existen outros datos oficiais, como poden ser os do Colexio de Arquitectos de Galicia, que apuntan a unha media 8’3 meses de espera na Comunidade Autonóma – non só en Lugo – por este tipo de licenzas, “porque cómpre ter presente que os Concellos temos pouco persoal e isto é un problema endémico que nos afecta a todos e que especialmente condiciona o funcionamento daqueles que son capitais de provincia e que soportan unha maior presión porque fan fronte a unha actividade máis intensa”.

Mencionou igualmente, informacións recollidas polos medios de comunicación sobre unha enquisa realizada pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia que concluíu que o Concello de Lugo ten unha media de tramitación de licenzas de 135 días e que, xunto con Ourense que se sitúa nos 119 días, son as dúas administracións locais máis dilixentes.

“O mesmo que queremos deixar constancia de que non existe ningún bloqueo que paralice a economía porque só as 291 licenzas que seguiron un procedemento de resolución a través da Xunta de Goberno en 2021 xeraron un volume de negocio próximo aos 37 millóns de euros (36.919.255’11€), o que dá unha media de 126.870 ‘20 euros de investimento no municipio por cada unha delas”, sostivo.

A rexedora incidiu en que o Executivo “é moi consciente de que hai aínda moita capacidade de mellora na que, por certo, estamos traballando cambiando as dinámicas internas, incrementando o persoal destas seccións, ás que se prevée a incorporación dun mínimo de 4 arquitectos procedentes das Ope’s de 2017, 2018 e 2021, establecendo novos protocolos, unificando criterios e dotándonos de ferramentas como unha Ordenanza específica, pero nos parece tamén tremendamente simplista e irresponsable atribuírlle directamente á Institución ser o causante deses prazos que outros, nas súas denuncias, calculan por estimación”.

“Polo tanto cremos que entre a realidade e as falsidades que se queren trasladar á opinión pública dunha maneira interesada, hai unha diferencia considerable que denota, cando menos, unha falta de honestidade e que nos permite, á súa vez, unha identificación máis concreta dos intereses que defende cada quen”, afirmou Méndez.

“E o que queremos é deixar manifestamente claro que as áreas que integran esta concellería traballan para sacar adiante as licenzas e solicitudes dos particulares e tamén os proxectos municipais e, dende o equipo de Goberno e a dirección técnica poñemos todo o noso empeño en mellorar os protocolos de funcionamento interno en prol de ser cada vez máis eficientes e resolutivos. Medidas que se empezaron a tomar hai xa meses e que tamén precisan dun certo marxe temporal para apreciar os cambios”, matizou a alcaldesa.

No 2021 resolvéronse o 98’28% das comunicacións urbanísticas, o 95’28% das comunicacións de obra con actividade e o 84’26% dos cambios de título con actividade solicitados.

Lara Méndez achegou, así mesmo, outros datos ao marxe das licenzas maiores e resaltou que, dende xaneiro de 2021 e ata o 17 de marzo de 2022, Sostibilidade Urbana concedeu, alén, 2117 comunicacións urbanísticas das 2154 solicitadas nese período (o 98’28%), quedando 18 pendentes dalgún informe municipal e as 19 restantes en trámite de audiencia ao interesado.

Tamén se autorizaron 140 cambios de titularidade de actividade (89’74% dos 156 solicitados), 101 comunicacións de obra con actividade (o 95’28% das 106 solicitadas) ou 225 autorizacións de obras na vía pública (84’26% das 267 que se solicitaron), por apuntar algúns exemplos.

“Se trata de títulos habilitantes, de permisos que tamén son moi importantes para a cidadanía, porque con eles melloran as súas vivendas ou impulsan os seus negocios, e que se conceden con celeridade en prol da dinamización do municipio, porque a obra menor promove tamén moitos contratos e actividade económica e, neste caso, pódese comprobar o grao de eficiencia do departamento”, evidenciou a rexedora.

“Estes son, en definitiva, os datos, as cifras e a capacidade resolutiva que ten, no momento actual, a área de Sostibilidade Urbana. Estándares que queremos seguir mellorando, no que a xestión municipal se refire, ata alcanzar, como é o noso deber, o cumprimento dos prazos aos que obriga a lei, como xa fixemos tamén coa facturación e o pago a provedores, logo da transformación e a modernización que levamos a cabo na área económica. En Urbanismo, agora mesmo estamos nese proceso, deseñamos as ferramentas necesarias para conseguilo e as estamos aplicando xa dende os principios de dilixencia e garantía administrativa a pesar de que a algúns, polo transfondo das propostas que realizan, lles gustaría, cousa que non vai suceder, que eludíramos”, asegurou a rexedora.

Paula Alvarellos: “O Pp non consultou nunca ao persoal municipal sobre as cifras que difunde”.

Pola súa banda, a tenente de alcaldesa e concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos contrapuxo o traballo real que asume e aborda a área de Sostibilidade Urbana con relación ás críticas efectuadas, entre outros, polo Grupo Municipal do Pp “cuxas valoracións – advertiu – se basean, exclusivamente, nas súas propias apreciacións, que non nas cifras e os datos reais, xa que en ningún caso, para extraelas, consultaron ao persoal municipal sobre a corrección ou a interpretación que de forma errada ou nesgada, é dicir, por descoñecemento ou con mala intención, fixeron das mesmas”.

Logo de deixar constancia de que os edís do Partido Popular nunca se achegaran a ningún dos servizos ou departamentos dos que se compón a concellería “para preguntar ou aclarar nada relativo a concesión de licenzas”, a tenente de alcaldesa matizou algunhas das falsidades vertidas nas últimas semanas.

“Cando afirman que en 2021 só se concederon 269 licenzas de tipo maior, minten, minten por omisión, pero minten. Nós informamos no seu día que eran 400. A cifra que eles dan é porque as constrinxen única e exclusivamente ás aprobadas en Xunta de Goberno, mentres que hai outros procedementos, tamén consideradas licenzas de tipo maior, que se aproban por Decreto. Era o caso dos 109 restantes”, dixo.

“O mesmo que estiman en 226.573 euros o investimento que se fai na cidade con cada licenza e elevan así até os 46 millóns os cartos que están paralizados coas autorizacións que aínda non se outorgaron, cando, por exemplo, as 4 aprobadas na última Xunta de Goberno de marzo suman en total 111.461’69 €, nin a metade de unha segundo os seus cálculos certeiros”, sinalou a edil.

E, xa con relación aos 4 procedementos que o GM do Partido Popular refire continuamente como exemplo dos prazos medios de tramitación de licenzas, Alvarellos Fondo reprochou que os escolleran por simbólicos pero que obviaran a meirande parte da información e a máis reveladora sobre os atrasos que acumularon.

“O Pp fala dun almacén agrícola de Píugos que tardou en obter licenza 1.881 días. O que non dí é que nese periodo aos promotores se lles tiveron que requirir 6 subsanacións de documentación e que eles mesmos solicitaron unha ampliación de prazo dun dos trámites de audiencia”.

“Unha casa en Meilán, (950 días) á que tamén se lle fixeron outros 6 requirimentos até que a documentación estivo completa. Por certo, esa documentación estivo completa o 10 de febreiro de 2021 e a licenza lle foi concedida o 24 de febreiro do mesmo ano, 14 días despois”.

“E sobre a anterior, o almacén agrícola de Piúgos, os promotores completaron o expediente o 19 de febreiro de 2021 e o Concello concedeulle a licenza o 3 de marzo, en 12 días”.

“Un negocio en Tirimol ao que se tardou 1073 días en conceder a licenza. Nesta ocasión houbo 3 requirimentos de subsanación diferentes durante todo o proceso que actualmente está xudicializado no Contencioso Administrativo cun expediente de disciplina urbanística”.

“E, por último, un ascensor na rúa Ourense ao que se lle tardou 660 días en autorizar a instalación. Precisou realizar tres achegas documentais.”

“Pois nesta tesitura – afirmou Paula Alvarellos – de ter que requirir até 8 veces, nalgúns dos casos, a subsanación da documentación necesaria para poder resolver os expedientes, dilatando os procedementos indecentemente e non por causas atribuíbles ao funcionamento da Administración é como o Partido Popular calcula esa media de 15 meses e na que se basea para tratar de difamar e desvirtuar o labor que se desenvolve nesta área, prexudicando gravemente á imaxe da Institución”, concluíu a tenente de alcaldesa.