Skip to main content
Lugo

A Asociación Educativa Antonio Gandoy contará coa colaboración da Deputación de Lugo

Por 8 Abril, 2022Sin comentarios

A Asociación Educativa Antonio Gandoy contará un ano máis co apoio da Vicepresidencia da Deputación para desenvolver a súa labor formativa, dirixida fundamentalmente a familias con nenas e nenos entre os 0 e os 3 anos.

O colectivo lucense centra a súa actividade na organización de reunións de formación nas que as familias con nenas e nenos en idade infantil comparten coñecementos e experiencias sobre a importancia educativa dos primeiros anos. As xuntanzas, coordinadas por profesionais do eido educativo, son ademais un espazo de aprendizaxe e socialización para as crianzas, que tamén participan nos encontros.

A vicepresidenta Maite Ferreiro, que se achegou ata a sede da asociación en Lugo, a carón do colexio de Albeiros, destacou a labor que “realizan ao longo do ano facilitando ás familias espazos de encontro e formación para afrontar a crianza nas primeiras idades, unha etapa na que se sentan as bases do desenvolvemento e na que o entorno familiar ten un papel fundamental” e valorou “o desenvolvemento destas actividades en galego, promovendo o seu uso en contexto educativos e de socialización, algo fundamental para o futuro do idioma”.

A asociación ofrece este servizo educativo nos concellos de Baleira, Baralla, Becerreá, Castroverde, Corgo, Páramo, Láncara e Lugo, onde organizan reunións con periodicidade semanal, quincenal ou mensual, en función da demanda das familias.

Ademais destes encontros, nos que desenvolven contidos e propostas adaptadas ás necesidades das familias, a asociación tamén realiza actividades de formación (obradoires, charlas, …) para profesionais da educación. Así, en vindeiras datas, expoñerán a súa experiencia no IES Daviña Rey de Monforte e no CIFP Porta da Auga de Ribadeo

Herdeiras de Preescolar na Casa

A entidade continúa coa labor desenvolvida durante 35 anos en Galicia por Preescolar na Casa, un proxecto pioneiro na intervención educativa na etapa infantil e na creación de materiais didácticos en galego para estas idades. A asociación toma o nome do seu promotor Antonio Gandoy e conserva os material producido durante mais de tres décadas de experiencia educativa, para ofrecelo a todas as persoas interesadas en coñecelo e estudalo.