Skip to main content
Lugo

O PP tende a man ao Concello de Lugo para resolver os problemas na tramitación de licencias

Por 8 Abril, 2022Sin comentarios

O Partido Popular afirma que non quere entrar en polémica co bigobierno nin nunha guerra de cifras, a conta da difícil situación na que está o departamento de urbanismo, xa que ese debate non vai solucionar o atasco de expedientes que hai pendentes de resolver. Os populares rebaten o prazo que dixo a alcaldesa sobre a emisión do primeiro informe do concello ás peticións que se presentan “segue tardando meses para obras que non teñen gran complicación por exemplo nunha petición para demolición interior conservando fachada nun edificio da rúa Doutor Castro, sendo a presentación da solicitude o 23 de marzo de 2018 e o primeiro informe ten data do 27 de decembro de 2018”.

Outro exemplo que sacan a relucir os populares é unha petición para a modificación dun soto na rúa Madanela. Neste caso, o servizo municipal de arquitectura pediu nova documentación ao interesado e este achegouna o 20 de xuño de 1997 e o servizo de arquitectura resolveu o 9 de febreiro de 2022. (uns 25 anos)

Pero non son só dous exemplos. Na zona rural, concretamente unha petición para legalización e ampliación dunha edificación en San Vicente de Pedreda, que se iniciou en data 1 de abril de 2015 emitíndose os informes por parte do servizo correspondente o 4 de novembro de 2019.

Outro exemplo que achegan os populares é o dunha petición de legalización dunha explotación de pavos nunha parroquia do rural que se iniciou o 2 de outubro do 2017, achegando nova documentación en sucesivas datas (sendo a última o 26 de febreiro de 2019), e non obtivo o primeiro informe ata o 17 de xaneiro de 2020.

Antonio Ameijide lembra que o seu grupo expuxo diferentes alternativas para desatascar o pescozo de botella no que están os 215 expedientes sen resolver de obra maior. “É unha equivocación que a alcaldesa non estea disposta a sentar a escoitar ao grupo político que máis concelleiros ten na corporación e a negociar connosco, e se o seu socio de goberno non lle permite buscar unha saída negociada a esta situación pedimos, polo menos, que escoite aos sectores afectados e aos particulares que esperan polas súas licenzas”, lamentou.

Tras escoitar as súas declaracións estamos máis preocupados, se cabe, porque volve botar balóns fora esta vez culpando aos técnicos de non facer ben o seu traballo” aclarando que “non hai nin un chisco de autocrítica cando nin hai atención presencial e cando as citas telefónica para aclarar dúbidas eternízanse.

O Grupo Popular o único que fixo é poñer encima da mesa os datos obxectivos e oficiais sobre as licenzas de obra maior que se resolven nas xuntas de goberno: “evidentemente que non negamos que se dean autorizacións de aperturas de negocios, inicio de actividade a través da fórmula de comunicacións previas, imos faltaría máis”.

O PP salienta que “na comparecencia de onte da alcaldesa e da responsable de urbanismo non deron resposta dos motivos polos que a día de hoxe o urbanismo de Lugo é dirixido por unha concelleira interina. É o terceiro concelleiro do mandato, e o oitavo desde que o PSOE goberna Lugo. A falta de dirección política repercute no funcionamento do departamento aínda que se neguen a recoñecelo”.

“A día de hoxe non hai atención presencial, a pesar das queixas de técnicos e particulares. As citas telefónicas que ofrecen para resolver dúbidas seguen tardando máis de quince días e só se poden solicitar vía telefónica” continúan. “E ademais, seguen sen unificarse os criterios á hora de revisar os expedientes que quedan ao albedrío do técnico ao que chegue a documentación” finalizan.