Skip to main content
Lugo

Lugo celebrará o día internacional da Danza con diferentes actividades desde o 25 ata o 30 de abril

Por 10 Abril, 2022Sin comentarios

O vindeiro 29 de abril Lugo celebrará o día internacional da danza, unha actividade organizada polo Conservatorio Profesional de Danza co que colabora o Concello de Lugo. Maite Ferreiro explicou que “as distintas agrupacións do Conservatorio de Danza de Lugo actuarán no Auditorio Municipal Gustavo Freire, dando continuidade á programación de danza que programamos anualmente a través do ciclo Lugo en Danza”, explicou Maite Ferreiro, que engadiu “Estas galas e outros eventos públicos abertos á cidadanía, que mostran a danza e as artes do movemento en diferentes formas teñen un enorme interese cultural e educativo para a cidade fomentando deste xeito a difusión do coñecemento das artes do movemento”.

A veciñanza de Lugo poderá asistir a tres galas protagonizadas por alumnas e alumnos do CDAN de Lugo de xeito gratuíto, retirando a entrada previamente no portal entradaslugo.es.

A primeira gala terá lugar o 25 de abril. Titúlase Historietas xacobeas e contará co estudantado de grao Elemental. O Camiño é o nome escollido para as galas das estudantes de 1º a 3º e de 4º a 6º de Grao Profesional. Terán lugar o 26 e o 27 de abril, respectivamente. Todas as galas comezarán ás 20:30 horas.

De cara á celebración do Día Internacional da Danza, as escolas de danza de Lugo (Gravitty, Victoria Gil, Star Dance e O Xeito) farán demostracións e obradoiros na praza maior os días 26, 29 e 30 de abril.

“Desde a área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua cremos que a danza ten unha importancia e relevancia maiuscula, e son, de feito, múltiples as programacións e propostas arredor da danza que organizamos ou coas que colaboramos cada ano”, explicou Maite Ferreiro. A concelleira de Cultura destacou o interese cultural das actividades que poñen o foco na danza e consiguen implicar á veciñanza e conseguir a participación da mesma.

“Hai que ter presente e por en valor o feito de que en Lugo está o único Conservatorio Profesional de Danza da Galicia, polo que parece axeitado seguir apostando por darlle visibilidade a un centro e ensinanzas que axudan a conseguir habilidades e capacidades artísticas e a dar a coñecer diferentes vertentes desta arte” destacou Maite Ferreiro.